
O Concello de Boiro anunciou este martes 6 de febreiro que propón destinar un importe de 111.281,33 euros do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña para sufragar gastos sociais extraordinarios. Entre as distintas liñas de financiamento o Goberno local aposta por aumentar a partida destinada a respiro familiar ata os 20.000 euros, “xa que é a máis solicitada dende a creación desta subvención provincial”. Tamén se vai empregar para aumentar o fondo de emerxencia e que chegará aos 50.000 euros nesta anualidade.
Ademais, unha das liñas que este ano se van incluír neste financiamento provincial é a creación dun programa específico para a loita contra a soidade dos maiores e persoas con discapacidade, realizando itinerarios específicos que axuden a mellorar a súa calidade de vida e benestar. “O benestar das persoas é unha prioridade para este Goberno e, con esta achega da Deputación da Coruña, podemos desenvolver programas e actividades específicas que redundan nunha mellor calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”, recoñeceu José Ramón Romero.
Ademais proponse destinar unha parte da achega provincial á adquisición de camas, grúas e andadores para o préstamo e cesión ás familias con persoas dependentes. “O importe destes elementos é moi elevando e moitas das familias non poden asumir ese gasto polo que o Concello de Boiro conta cun programa de préstamo que queremos seguir amentando con esta adquisición”, afirmou o alcalde.



