
Un mariñeiro de 31 anos, natural de Ribeira, faleceu a bordo do pesqueiro ‘Petrel’, de pavillón malvino pero participado por unha armadora viguesa, cando se atopaba no océano Atlántico a dous días de travesía das costas de Brasil. Crese que o mozo sufriu algún tipo de accidente cardiovascular, como poida ser un ictus, segundo información trasladada polo Centro Radio Médico na mar.
O falecemento produciuse o pasado martes en augas do Atlántico. O buque atópase no porto de Recife en Brasil, despois de partir do porto de Vigo o pasado 9 de febreiro. Agora, a armadora viguesa traballa na repatriación do corpo deste mozo, que era xefe de máquinas do buque.