“Matar, para seguir vivindo do narco no mar” – Antón Luaces

15 Febreiro 2024

O pasado venres pola noite, a localidade gaditana de Barbate foi escenario para a morte -previsible- de dous membros da Garda Civil que, xunto con outros dous compañeiros que resultaron feridos de distinta consideración, tripulaban unha embarcación tipo zodiac embestida perto do peirao por unha narcolancha de 14 metros de eslora a bordo da que se atopaban seis homes, hoxe en día ingresados no cárcere, acusados de dous asasinatos consumados e catro en tentativa.

A narcolancha, semellante ás que en augas do estreito de Gibraltar son empregadas para o transporte -supostamente dende as costas de Marrocos- de droga destinada a ser distribuída en España e outros países europeos, está equipada con catro motores que dan á embarcación unha potencia superior aos 1.000 cabalos. Dispón de radar de vixilancia e foi incautada e trasladada ao porto de Algeciras para ser destruída cando o xuíz do caso o determine.

A acción realizada polos tripulantes da narcolancha foi seguida dende o peirao por bo número de persoas que, nalgún momento, berraron apupos aos gardas civís e azos aos narcotraficantes para que se “botaran enriba” da zodiac, esta moi inferior en tamaño e potencia á narcolancha

Barbate, un porto pesqueiro de moita sona que, ata vai uns anos ao igual que Ferrol levaba xunto ao seu nome o engadido “de Franco” ou “do Caudillo”, é na actualidade todo un referente no eido do narcotráfico e, obviamente, dos narcotraficantes. Como o foron no seu día -nomeadamente nos anos 80-90 do pasado século- varias localidades das Rías Baixas e Altas de Galicia onde o contrabando de tabaco derivou no mar a barcos e mariñeiros que abandonaron a pesca para sumarse ás bandas do narcotráfico.

Tamén aquí, na Galicia mariñeira, os narcotraficantes tiveron poucos reparos á hora de atentar contra os axentes da Lei. Por exemplo  cando, na noite do 9 de xuño de 1989, o axente do Servizo Marítimo de Aduanas, Luis  Vidal Rocha, perdía a vida na ría arousá, ao colidir coa  cabeza contra unha das vigas de madeira dunha batea cando dirixía en pé a zodiac coa que perseguían a unha planadora empregada por presuntos narcotraficantes para o traslado de drogas.

Poucos días antes desta traxedia tiven a oportunidade de coñecer e falar longamente con Luis Vidal Rocha, un home afable que non tiña explicacións para xustificar a obriga de levar ao cinto unha pistola e, sobre a ponte da embarcación HJ de Aduanas con base en Vilagarcía de cuxa tripulación Luis formaba parte, unha metralladora que -que se saiba- nunca fora utilizada.  

Luis Vidal, natural de Sanxenxo, tiña 36 anos cando o coñecín. Pasei con el e os seus compañeiros, toda unha noite. Na embarcación de Aduanas -á que subira no porto de Vilagarcía- tiven a ocasión de saber de primeira man o que era unha persecución “en quente”, a HJ aduaneira perseguindo a canto daba o seu motor a unha planadora que pintaba de azul e dispuña a popa de 5 motores de, segundo me contaran os axentes,  250 cabalos cada en seu. Con só 4 en marcha, a planadora ergueu de proa e a HJ fixo o mesmo ao acelerar. Os pantocazos desta no ronsel da planadora eran históricos para min. Pasei un certo medo. Máis que vela, era o radar quen permitía seguila. E así foi ata que nos adentramos no inmenso parque de bateas mexilloeiras perto da Vilagarcía, onde a planadora parou motores e o radar deixou de dar “ecos”, confundido co enorme número de bateas onde, días máis tarde, Luis perdía a vida.

Daquela foi un axente de Aduanas, na ría de Arousa. A semana pasada, dous gardas civís en Barbate. Sempre en minoría e en condicións de desvantaxe. Polo medio, o negocio da droga e os apupos dos que xustifican o tráfico de drogas. Todo sen unha explicación convincente do por que.

Outros artigos

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...

+

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

+

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...