Boiro será o primeiro municipio da provincia en contar cunha comunidade Sslar de man de Iberdrola e Boiro Padel, que permitirá aos veciños beneficiarse do autoconsumo sen necesidade de contar cunha instalación propia. O alcalde, José Ramón Romero, e o tenente de alcalde, Luís Ruiz, mantiveron un encontro con responsábeis da empresa para coñecer como se vai desenvolver o proxecto.
Segundo indicaron, “este proxecto vai permitir ás vivendas da zona de influencia beneficiarse da xeración de enerxía de forma respectuosa co medio á vez que contribúen á baixada da pegada de carbono e á iniciación no uso das enerxías renovábeis, así como beneficiarse dun abaratamento da factura da luz”.
A empresa fará unha campaña informativa no municipio para facilitar o acceso aos potenciais clientes a este servizo. O alcalde, José Ramón Romero, agradeceu a Iberdrola “que teña elixido Boiro como primeiro municipio da provincia para poñer en marcha este proxecto que busca promover a economía verde”.
A instalación dos paneis realizarase en Boiro Padel e as vivendas da zona de influencia poderán acceder ao alugueiro dun panel solar que lle permita beneficiarse de descontos mensuais na factura enerxética sen necesidade de instalación no propio domicilio.