O senador do PP Manuel Ruiz Rivas defende tres mocións aprobadas na Comisión de Pesca, centradas en axudas a
competitividade, a pesca de fondo e a baixada do IVE ao peixe e as conservas . O senador lamenta o voto en contra do PSOE na baixada do IVE e a pesca de fondo, así como a falta de apoio na solicitude do PERTE e Fondos Next Generation
A Comisión de Pesca do Senado aprobou a petición do Grupo Parlamentario Popular para que o Goberno priorice os trámites ante a Comisión Europea para a aprobación dun Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) específico para a cadea mar-industria galega, coa abstención do PSOE.
O portavoz do PP na Comisión o ribeirense, Manuel Ruiz, destaca que “España é a primeira potencia europea en transformación e comercialización de produtos pesqueiros polo que un PERTE é imprescindible para a súa reestruturación e supervivencia”.
O senador pola Coruña, chama a atención sobre o feito de que o complexo mar-industria sufriu as consecuencias da pandemia xerada pola covid- 19, a guerra de Ucraína e a inflación, pero quedou excluída do PERTE do Sector Agroalimentario. “Isto deixou fóra ás empresas que concentran un 75% da cifra de negocio e o 70% do emprego”, incide.
Lembra que a produción anual de conservas de peixe e marisco en España alcanza as 520.435 toneladas, exporta a 140 países e xera 26.000 empregos directos.
Ruiz Rivas destaca a importancia das propostas do PP na Comisión para que a asignación de fondos Next Generation ao PERTE mar-industria, sexa “eficiente e flexible, nunha cantidade económica suficiente e cunhas condicións realmente incentivadoras, que habiliten a solicitude de proxectos de forma competitiva, resiliente e sostible”.
BAIXADA DO IVE E REVISIÓN DAS ÁREAS VEDADAS
Noutra das mocións do PP aprobada pola Comisión, a pesar do voto en contra do PSOE, Ruiz Rivas pide ao Goberno que “rectifique a súa posición actual e non exclúa aos peixes, mariscos e conservas da rebaixa do IVE que se aplica a outros alimentos básicos”.
Igualmente, nun segundo punto, a moción solicita “realizar campañas de promoción para incentivar o consumo dos produtos do mar, para así, dar a coñecer os beneficios do consumo de peixe na saúde e para o conxunto da economía, apoiando igualmente ao sector nesta tarefa”.
Recalca que o consumo produtos pesqueiros reduciuse un 15,6% no último ano e xa é un 32,8% inferior ao de 2008. Os nenos e os mozos son os que menos pescado comen. O volume de peixe consumido nos fogares españois foi, en 2022, o máis baixo da serie histórica.
O portavoz de Pesca pide tamén “poñer en marcha axudas á cadea mar-industria, para apoiar os esforzos de adaptación dos seus produtos ás demandas da cidadanía e ás novas necesidades do marcado favorecendo, deste xeito, un sector máis competitivo”.
Por outra banda, o portavoz de Pesca do PP defenda a moción do seu Grupo na que esixe Goberno que defenda, #ante a Comisión Europea, a necesidade de que a revisión das áreas vedadas á pesca de fondo fágase co máximo rigor técnico-científico e reclame a suspensión do veto ás artes selectivas como o palangre e o enmalle. Aprobada a pesar do voto en contra o PSOE.
“Lamentamos que Bruxelas poña en marcha medidas que dificultan aínda máis a actividade do sector e complican a súa rendibilidade”, remarca Manuel Ruiz, tras o que afirma que “non se poden meter todas as artes de fondo no mesmo saco”.
En relación ao informe presentado polo Consello Internacional para a Exploración do Mar, que propón incrementar en 50% as áreas vedadas á pesca de fondo no Cantábrico e o golfo de Vizcaya, o senador PP subliña que “os informes biolóxicos deberían ir acompañados de estudos de impacto socioeconómico, tanto para protexer os hábitats mariños como aos pescadores”.