Cousa de Raíces, rede galega de colectivos a prol do bosque autóctono, vai organizar un ano máis unha acción simultánea baixo o lema Mirando polos nosos montes na que se desenvolverán, ao longo do sábado 24 e domingo 25 de febreiro, xornadas de eliminación de invasoras e plantación de autóctonas por todo o país, incluído o concello de Lousame, onde proseguirán na aldea sustentábel de Froxán os traballos para facer avanzar o noso bosque e erradicar invasoras.

Estas xornadas están convocadas por diferentes colectivos, organizacións e comunidades de montes veciñais que traballan a prol da restauración ambiental dos nosos montes.
A través destas convocatorias preténdese apelar a aqueles sectores da sociedade que rexeitan “o modelo forestal actual polo que continúa a apostar o Goberno da Xunta e dar visibilidade a aqueles colectivos e asociacións do ámbito forestal e ecoloxista que loitan por instaurar un modelo de monte diverso, multifuncional e sustentábel no que estea desterrado o monocultivo de eucalipto e a presenza doutras especies invasoras e poña en valor a importancia ambiental do bosque autóctono”.
Dende Cousa de Raíces lembran que o monocultivo de eucalipto implica uns efectos negativos sobre o medio ambiente constatados: erosión do solo, perda de biodiversidade, desprazamento das especies autóctonas, impacto sobre cursos fluviais e reservas hídricas, incremento e intensificación dos
lumes forestais, agravamento dos efectos do cambio climático, perda do patrimonio paisaxístico, etc.
Cousa de Raíces é unha campaña que xorde por iniciativa do colectivo ecoloxista ADEGA pero que está aberta á participación de todas as persoas, entidades e colectivos dispostas a traballar baixo un mesmo obxectivo: defender o noso bosque a través do seu coñecemento e posta en valor. Preto de 50 entidades, empresas, colectivos culturais, asociacións ecoloxistas e
investigadores se sumaron xa a esta causa, que continúa recollendo apoios.
Información xornadas convocadas
Friol: Plantación autóctonas
9:30h – no local de ADEGA Lugo dende onde se coordinarán os coches.
Organiza: ADEGA Lugo
Rebordelo (Cerdedo-Cotobade): Deseucaliptización
9:45h – na Casa do Pobo de Rebordelo
Organiza: Asociación Couto da Eirexiña.
Coiro (Cangas): Eliminación tradescantia
11h- no Muiño de Fausto.
Organiza: CMV Coiro.
Froxán (Lousame): Plantación autóctonas
10h – estacionamento do “Quartel da Revolta”.
Organiza: Fundação Montescola, Verdegaia, Brigadas Deseucaliptizadoras.
Rialdarca (Moaña): Desacaciación e plantación autóctonas
11h – no adro da Igrexa do Carme
Organiza: Equipo Estratexia Rialdarca.
As inscricións poden facerse en liña.



