
Coma cada ano e chegado o mes de febreiro a empresa pobrense CONGALSA, referente no sector da alimentación de produtos do mar a nivel galego e estatal, celebrou un acto aberto a todos os traballadores da compañía para facer balance dos froitos acadados no ano precedente, estreitar ligazóns entre as/os integrantes do equipo “CONGALSA” e adiantar as liñas estratéxicas do ano que comeza.
No que respecta aos resultados económicos e magnitudes básicas da empresa relativas ao ano 2023, fíxose saber que a facturación alcanzada pola empresa en 2023 foi de 151 millóns de euros, un 14% máis que no ano precedente. Ademais, destacouse tamén que o número de traballadores incrementouse nun 3% no último ano, ata alcanzar os 697 actuais. A cita desenvolveuse no Complexo Deportivo da Fieiteira (Ribeira).
Premio Ramón Doval
Coma cada ano, esta gala serviu tamén para dar a coñecer os resultados do denominado Premio Ramón Doval ao traballador ou traballadora que mellor representase os valores corporativos da empresa, no último ano: compromiso respecto polas persoas, orientación ao cliente, eficiencia, integridade e ética empresarial, traballo en equipo, orientación á mellora continua, innovación, actitude positiva e orientación á sustentabilidade (económica, social e ambiental).
Trátase en palabras de CONGALSA dun “recoñecemento anual que cobra especial relevancia porque a persoa gañadora é escollida por todos os traballadores da empresa, nunha votación telemática interna que se leva a cabo durante o propio evento, entre un quinteto previo de finalistas”.
O galardón que leva o nome do anterior director de Relacións Externas da compañía, xubilado en 2018, alcanza este ano a súa XI edición. Nesta ocasión, o premio recaeu en María Dolores Rama, que desempeña o seu traballo na área de produción na Parcela 13 da compañía.


