Anxo Angueira foi homenaxeado nas Escolas Vellas de Asados polo seu nomeamento como membro da RAG

08 Febreiro 2024

O pasado sábado 3 de febreiro ao mediodía celebrouse en Rianxo, nas Escolas Vellas de Asados, unha homenaxe ao escritor e profesor Anxo Angueira (Manselle, Dodro, 1961), presidente da Fundación Rosalía de Castro, polo seu nomeamento recente como membro da Real Academia Galega. No acto participaron, entre outras personalidades da política e a cultura do Barbanza, Julián Bustelo, alcalde de Rianxo, e Xabier Castro, alcalde de Dodro. Tamén estiveron presentes os compoñentes do Grupo de Teatro Airiños de Asados (que vén de celebrar os seus 90 anos de actividade sobre as táboas) e a agrupación musical Baraunda, amais de importantes representantes da cultura galega como Xosé Luís Axeitos, Manuel Lorenzo Baleirón, X. Ricardo Losada e Xesús Santos.

Sobre Anxo Angueira

A Real Academia Galega elixiu novo académico de número o escritor e investigador Anxo Angueira (Dodro, 1961). O profesor da Universidade de Vigo, actual presidente da Fundación Rosalía de Castro, ocupará a vacante producida polo pasamento do poeta Salvador García Bodaño-Zunzunegui o pasado mes de marzo. Na mesma sesión foi nomeado académico de honra Takekazu Asaka (Toquio, 1952), valedor da lingua e da cultura galegas no Xapón.

Anxo Angueira é profesor titular da área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Vigo e centra os seus estudos na xénese e nas características do Rexurdimento. Autor de traballos como Das copras de Sarmiento ós cantares de Rosalía de Castro. Cara a unha nova periodización do Rexurdimento (2013) ou Rexurdimento: a palabra e a idea (2019), conta cunha intensa e dilatada dedicación á obra de Rosalía de Castro, con achegas que permiten unha lectura anovada e respectuosa coa vontade da autora. Editou Cantares gallegos (2013), Follas novas (2016), En las orillas del Sar (2019) e La flor, A mi madre, poesía dispersa e traducións (2023), publicou diversos artigos e antoloxías sobre a autora fundacional das letras galegas contemporáneas, e preside, dende o ano 2012, a Fundación Rosalía de Castro, na que desenvolve un destacado labor de divulgación da figura e do legado literario da escritora.

Como creador literario, o académico electo é autor de algunhas obras clave das letras galegas recentes, como os poemarios O valo de Manselle (1996), Libro da vertixe (1997) -gañador do Premio Díaz Castro-, Fóra do sagrado (2007) e Palmeiras, piueiros (2021). Como narrador é autor de Bágoas de facer illas (1997), Premio Café Dublín; Pensa nao (1999), novela gañadora do Premio Xerais na que brilla a lingua popular ao servizo dunha auténtica epopea do pobo galego; A morte de A (2003) e Iria (2012). Cultiva tamén o articulismo, na actualidade cunha colaboración mensual en Nós Diario.

Outros artigos

Domingo tregua na choiva e temperatura baixa para a época

Nesta xornada Galicia continuará con inestabilidade atmosférica debido a presenza de aire frío en altura. Polo tanto, teremos ceos nubrados con chuvascos localmente treboentos durante a mañá no norte da Comunidade e sendo máis probables pola tarde no interior do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Libros y autores”. Alberto Barciela

“Libros y autores”. Alberto Barciela

En manos de una editorial inteligente, un libro o un animal pueden resultar una elegante evolución colorista. Las páginas se encuadernan para sustentar un cierto orden ideográfico y, a su vez, para soportar anaqueles de vidas y afanes. La huella genética se retrata en...