A Deputación da Coruña publicou este luns 12 de decembro a resolución de concesión das axudas do programa PEL-Concellos, a liña do Plan de Emprego Local (PEL) que permite aos concellos coruñeses contratar a persoas desempregadas para a prestación de servizos básicos municipais. Este ano, un total de 92 concellos coruñeses recibirán 3.547.620 euros para contratar a máis de 400 persoas durante un período máximo de un ano. Desta contía, 469.700 euros irá dar aos concellos do Barbanza.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou o “carácter social” desta liña do PEL, que “prima a contratación de persoas con especiais dificultades de inserción laboral” e que supón tamén “unha aposta polo mundo rural”, xa que o 84% dos fondos (2.964.193 €) concédense a municipios de menos de 20.000 habitantes, proporcionando aos concellos máis pequenos os medios humanos necesarios para poder ofrecer servizos municipais de calidade. “Cremos no rural e con este programa axudamos a crear postos de traballo e a mellorar os servizos públicos que os concellos ofrecen á veciñanza”, afirmou o presidente.
Segundo fixo saber, as persoas con maior dificultade para atopar traballo serán a prioridade. Así, á hora de seleccionar o persoal, os concellos deberán aplicar criterios sociais e dar prioridade á inserción de persoas que pertenzan a colectivos con maiores dificultades para acceder a un posto de traballo. Así pois, beneficiarase a persoas maiores de 45 anos, desempregadas de longa duración, persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, pertencentes a fogares con todos os seus membros en paro, vítimas de violencia de xénero, en risco de exclusión laboral ou mulleres. Ademais, dentro destes colectivos, os concellos primarán a aquelas persoas que teñan rematado favorablemente programas de capacitación, formación e integración no mundo laboral organizados ou financiados polas administracións públicas.
Entre 19.000 e 75.000 euros por concello
Os importes que reciben os concellos de menos de 50.000 habitantes varían en función da porcentaxe resultante de dividir o número de persoas desempregadas en cada concello entre o número total de persoas desempregadas nos concellos de menos de 50.000 habitantes, oscilando as contías entre os 19.000 e os 52.000 euros. Pola súa banda, os concellos da Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela optan a unha contía única de 75.000 euros.
Os operarios e operarias, deberán ser contratados cunha xornada mínima semanal de 25 horas. As axudas destinaranse a sufragar os custos salariais, de Seguridade Social, as indemnizacións por fin de contrato e a formación en materia de prevención de riscos laborais das novas contratacións.
Desde a súa posta, a liña de PEL-Concellos facilitou unha oportunidade laboral a máis de 3.741 persoas desempregadas da provincia.
Aberta a solicitude das liñas PEL para pemes, emprendedores e autónomos
PEL-Concellos é unha das liñas PEL, que contempla tamén tamén axudas para a contratación de persoal en pemes e microempresas, para investimentos que melloren a competitividade dos pequenos negocios, para apoiar o emprendemento e para sufragar ás cotas á Seguridade Social dos profesionais autónomos da provincia da Coruña.
A convocatoria para acceder a estas outras liñas de axudas do PEL para pemes, microempresas, emprendedores e traballadores autónomos está aberta ata o 22 de febreiro.
Máis información en www.dacoruna.gal e www.pel.gal.