
Xosé Lois Piñeiro, biólogo e concelleiro de Medio Ambiente no Goberno da Pobra do Caramiñal, ademais de ex-alcalde e membro da promotora de Sumar Galicia, achegouse este 10 de xaneiro ás praias do devandito concello do Barbanza para denunciar a xestión da Xunta, e nomeadamente da Consellería de Medio Ambiente, na crise dos vertidos de aglomerados plásticos do buque mercante Toconao. No seu punto de vista, unha proba desta “mala xestión” vén dada polo feito de que a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, “recoñecera hoxe que só recentemente conseguira o contacto do Secretario de Estado de Medio Ambiente, logo dun mes de inacción”. Piñeiro, ex-alcalde da Pobra, subliñou a este respecto: “A xente dos concellos seguiremos a pé de praia esperando por un goberno da Xunta que nin está nin se espera.”
Lola Caramés, membro da promotora de Sumar Galicia, cualificou de “mentiras” a información achegada polo conselleiro do Mar en relación os vertidos, “quen hai tan só dous días recoñecía, nunha carta aos alcaldes, a imposibilidade de recoller os aglomerados no mar, e agora, de maneira sorprendente, solicita ao Goberno do Estado que os recolla”.
Sumar Galicia pon de manifesto que “se puxeron a traballar desde o primeiro minuto”, solicitando colaboración europea e instando ás autoridades a asumir responsabilidades. “Onte mesmo lle esixiamos ao comisario europeo de Medio Ambiente, o señor Sinkevičius, unha resposta da Comisión e hoxe anunciaba a súa disposición a colaborar”, sinalou Piñeiro, engadindo que tamén instaron ao Conselleiro do Mar a “actuar e asumir a súa responsabilidade e non a estar a velas vir”. E engadiu: “Todo o noso peso institucional está ao servizo do pobo galego, que merece toda a complicidade para facerlle fronte á situación fronte ás mentiras e a incompetencia de Rueda e do goberno da Xunta”.
Para o partido liderado por Marta Lois, a xestión desta crise é “unha vergoña absoluta”. Engaden que “o presidente debe asumir a súa responsabilidade e deixar de xogar co futuro de Galicia”.



