
O Concello de Rianxo, a través da Concellería de Deportes, informou da apertura do prazo de inscrición para unha nova edición da BTT Concello de Rianxo. A proba disputarase o vindeiro domingo 4 de febreiro.
Podemos elixir a distancia que mellor nos acaia (a ruta curta de 30 quilómetros, a media de 50 e a longa de 70), a través da web Emesports, onde figura toda a información que precisemos e os recursos para inscribirnos.
Organizan a Peña Cicloturista Castro Barbudo e a Área de Deportes do Concello. O número máximo de inscricións é de 500. O prazo para apuntarnos remata o 31 de xaneiro.
A XI Marcha BTT Concello de Rianxo/V Andaina consiste nun evento deportivo non competitivo en bicicleta de montaña dividida, en función da dificultade en tres rutas, que comezan todas elas na zona portuaria de Rianxo.
A saída darase ás 09:00 h. A hora de remate de cada proba virá marcada polo percorrido elixido.
A idade mínima para poder participar na BTT e na Andaina será de 18 anos. Aquelas que teñan entre 14 anos e 17 anos cumpridos, poderán participar cunha autorización asinada polo pai, nai ou titor/a, xunto cunha copia do DNI da persoa que a autoriza.
Será imprescindíbel o uso do casco para participar na marcha.



