
Vai ser bonito este 2024 acabado de estrear, vai. Un ano que, polo visto, evidencia unha España “desarmada” -velaí o por que do “rearme” e sen azos- e que precisa, segundo fontes do PP citadas por un xornal madrileño, un “rearme e afortalamento do Estado”.
Parte todo isto, na opinión dos “populares”, da consideración da ilegalidade da amnistía que “ataca a igualdade dos españois ante a lei” e, amais, “é ilegal”, tal e como afirmou este mércores o portavoz do PP no Congreso, Miguel Tellado.
A emenda á totalidade presentada onte no Congreso polo Partido Popular (PP) tenta “tombar a Lei de Amnistía” polo que, antes de que a mesma sexa de aplicación, o Estado español é necesario que se “reforce ante unha situación que se pode volver dar cos socios de Pedro Sánchez”: un referendo de autodeterminación que o PSOE e o Goberno rexeitan oficialmente conceder, e que Junts e ERC manteñen vixente sabedores de que -coida o PP- a continuidade do Goberno de Sánchez depende deles.
De aquí esa emenda á totalidade á amnistía, “ilegalizando” a aquelas “persoas xurídicas -entre as que figurarían organizacións e partidos políticos- “que participen en actividades que leven á deslealdade constitucional”, sempre segundo as fontes citadas polo mencionado xornal da capital de España.
Sería, polo tanto, incluír novos delitos no Código Penal que, relacionados coa deslealdade constitucional, castiguen a autoridades, cargos e funcionarios públicos que promovan a inobservancia das leis e o incumprimento das resolucións xudiciais tentando prexudicar a unidade de España.
Van directos á tipificación das declaracións de independencias e os referendos e consultas “ilegais”, promovendo a disolución de organizacións e/ou persoas xurídicas que incorran en calquera “destes delitos”.
É por todo isto que o PP coida necesario “rearmar e afortalar” o Estado de dereito e a democracia porque “as sucesivas cesións de Sánchez aos seus socios os debilitaron”: rebaixaron as penas por malversación, eliminaron o delito de sedición e agora borran delitos que van dende a corrupción ao terrorismo.
Diante de todas estas cuestións, non cabería preguntarse se o PP ten a idea de que o PSOE e o Goberno renuncian a seren reelixidos nas vindeiras convocatorias electorais?. Ou será que dan por feito que gobernar España é, actualmente, cousa dunha soa formación política, obviamente a súa?
…



