Escribo cando, en Santiago, o chamado de máis dun cento de entidades (confrarías de pescadores, organizacións ecoloxistas e profesionais, etc.) está a ser atendido por -aseguran arestora os medios de comunicación- milleiros de persoas que, con esta concentración/manifestación dan testemuño da súa disconformidade co desleixo das administraciòns -agás as municipais- a respecto da problemática mariña posta de manifesto unha outra vez por unha vertedura desa merda plástica que son os pellets caídos ao mar fronte a Viana do Castelo arredor do 13 de decembro pasado, cando só na mente -supostamente- do presidente da Xunta, bulía a idea de convocar as eleccións autonómicas galegas para o 18 de febreiro e estabamos a piques de entrar na celebración das festas de Nadal.
Descoñezo se ambos os feitos -eleccións e festas- tiveron un efecto disuasorio na Xunta para que esta non dera unha rápida resposta á situación orixinada en parte da costa galega pola aparición nesta de regueiros de granulados que evidenciaban que esta comunidade autónoma, unha outra vez estaba a ser contaminada desde o mar por unha materia perigosa que, convertida en micro ou nanoplásticos, pode ser engulida pola fauna mariña e entrar na cadea trófica afectando en primeiro lugar aos seres mariños e, por estes, aos seres humanos que os empregamos como medios sustentables.
Tan pertos estabamos das festas de Nadal e a tan só un paso do día no que os galegos imos elexir os deputados que, á súa vez, determinarán co seu voto quen vai gobernar o país galego, que é probable que fixeran que lles tremaran as pernas a aqueles que deberían dar a faciana polo seu partido político en data tan sinalada. Cavilarían que o millor era ollar cara outra banda e non marear o peixe non fora a ser que unha mala xogada botara por terra toda unha planificación de anos de goberno por unha cagada de boliñas que viñan en colectores a bordo dun buque de bandeira de conveniencia. Así non se activou a fase 2 do Plan de Emerxencias Mariñas e se derivou ao Goberno central a responsabilidade de loitar contra os pélets, eses minúsculos obxectos que voan e nadan ao tempo que contaminan un mar que os profesionais deste queren limpo, vivo e quen de producir peixe e marisco que eles capturan para que a cidadanía se alimente axeitadamente e, de paso, lles proporcione uns eurfos cos que seguir avante.
Trans Timmermans, que fora vicepresidente e responsable de sustentabilidade da Comisión Europea, dixera anos atrás -aló polo ano 2019, se non lembro mal- que “se non cambiamos o xeito de produción e utilización dos plásticos, en 2050 haberá máis plástico que peixes nos nosos océanos”.
Con actuacións como as da Xunta a respecto dos granulados do Toconao, seguro que sí. Por máis avións, submariños, drons, rovs e buques que se pidan ao goberno do Estado para loitar, disque, contra a contaminación dun mar que é de todos (aínda que a Xunta o adxudique, exclusivamente, ao goberno central… cando “os seus” non gobernan en España).



