Máis de 250 persoas acudiron esta mañá á recepción de Reis organizada polo Concello de Lousame. Entre as 10:30 e as 14:00 horas, cativada e persoas adultas pasaron pola Casa da Cultura para falar un anaco con Melchor, Gaspar e Baltasar. Un escenario adobiado para a ocasión con moitas luces e motivos de Nadal.
Ademais de contarlles os seus desexos para esta noite, os máis rezagados mesmo podían entregar as súas cartas ao Rei Mago. Mentres papás e mamás non deixaban de tirar fotografías dos pequenos co seu Rei Mago favorito, os pequenos desfrutaban das lambonadas que lles acababan de agasallar.
Para esta tarde, de 17:00 a 20:00 horas, o Concello de Lousame ten preparada un Festival de Reis no Polideportivo Municipal Pilar Barreiro Senra (A Silva). Unha festa infantil con xogos, inchábeis, obradoiros… e un chocolate con churros para todas as persoas participantes. Un festival para que xa colgou o cartel de “non hai billetes” a principios de semana, polo que se agarda a participación de preto de 800 persoas, case duascentas máis co ano anterior.
Deste xeito, as dúas actividades de Reis organizadas polo Departamento de Cultura de Lousame terán reunido hoxe a máis dun milleiro de persoas, tanto do propio municipio como de concellos limítrofes.