O Concello de Ribeira adxudicou as obras de pavimentado e saneamento no lugar de Sirves (Olveira) cun orzamento de 71.786 euros e un prazo de execución de 4 meses.
Segundo fai saber o Goberno local, no lugar de Sirves existen tres camiños que presentan un firme moi deteriorado, “polo que é preciso proceder a súa pavimentación para que se poida circular polos mesmos en condicións seguras”.
Ademais, engade, “en dous camiños non hai rede de saneamento, polo que será instalada unha liña de 390 m para proporcionar este servizo á veciñanza do lugar”.
Dende o equipo de Goberno, informou o alcalde Luís Pérez Barral, “seguiremos traballando para proporcionar estes servizos básicos en tódalas parroquias e lugares que o precisen. A pavimentación e o saneamento son elementos fundamentais para o desenvolvemento sostíbel e a mellora da calidade de vida nas parroquias”.