
O comité de empresa de FCC denunciou este martes o estado de “absoluto abandono” da planta de tratamento de residuos de Servia, Lousame, e tamén a “manifesta incapacidade” da súa propietaria, a Mancomunidade da Serra do Barbanza, para “xestionala e solucionar os problemas que arrastra”.

Nunha rolda de prensa, o portavoz do comité, Paulo Rubido (CIG), subliñou que eses problemas “teñen a súa orixe hai máis dunha década, por falta de mantemento e conservación das instalacións, e por falta de renovación e adecuación aos cambios normativos”. Segundo lembrou, o prego da concesión establecía que, en 2013, a Mancomunidade tiña que renovar a súa frota de camións, pero “esa renovación non se produciu” e hai “carencias na recollida viaria polo mal estado dos vehículos”.

Para o comité, a cuestión de meirande gravidade é “que o contrato que vinculaba a FCC coa Mancomunidade, cunha duración de 20 anos, rematou a súa vixencia en setembro 2023 sen que o ente comarcal tivera elaborado uns novos pregos e iso, a pesar de que xa en 2020 o comité advertiu desta situación e da necesidade de adecuarse á nova normativa da UE”. Seguindo este fío, Rubío explicou que “en setembro aínda non se fixera absolutamente nada: nin prepararon os novos pregos, nin pactaron prórroga coa empresa, tendo que ir a unha prórroga forzosa que implica unha actualización dos prezos e pagar por facturación, cun menor control e peores condicións económicas”.
Respecto do vertedoiro, explicou que xa superou a capacidade de asumir rexeites, sen que até o momento se teñan iniciado os trámites para a construción dun novo. “A estas alturas (co vertedoiro colmatado e a punto de comezar o seu selado) non hai nin autorización administrativa, nin lugar para situar o novo”. Isto, engadiu, implica que todos os rexeites teñen que ser trasladados en camión a Sobrado “xerando un sobrecuste que asumen os veciños e veciñas do Barbanza”.
Respecto do futuro das instalacións, sinalan que é “incerto”, e isto vén corroborado, engaden, pola incapacidade da Mancomunidade de acceder aos apoios que ten ao seu alcance: “No mes de xuño, a Consellaría de Medio Ambiente, no marco dos contactos periódicos coa representación do persoal, informou que ía sacar unha liña de subvencións específica para as plantas de tratamento con modelo húmido-seco. Avisamos a Mancomunidade e a empresa e, conxuntamente, perderon a subvención porque non foron capaces de presentar nin un só papel”, lamentou Rubido.
De igual xeito, denunciou que en outubro pasado, o comité reuniuse coa directora xeral de Medio Ambiente para tratar a situación con Ecoembes, tras instar esta organización a FCC a adaptarse ao novo sistema e condicións estabelecidas pola UE, que implica unha reorganización dos colectores nos concellos da Serra do Barbanza. “Mais outra vez, non fixeron absolutamente nada e dende xaneiro estase perdendo un millón de euros (o 50%) do financiamento achegado por Ecoembes”, apuntou, engadindo que a empresa “actúa cun “absoluto pasotismo, incorrendo no mínimo gasto na planta de Lousame e ninguén se preocupa de comprobar se cumpre coas súas obrigas como concesionaria”. Na súa opinión, “a tal punto é o descontrol que a empresa chega a utilizar as instalacións e o taller de Lousame como sede loxística para outros contratos con administracións locais”.

Rubido denunciou que “FCC arranxa nos talleres de Lousame camións da recollida de lixo de municipios alleos á Mancomunidade ou doutros servizos que non gardan relación”.
Na comparecencia ante os medios amosáronse tamén fotografías que mostran “o estado deplorábel das instalacións”, como por exemplo “cadros eléctricos sen portas, tromel e liñas de triaxe que non cumpren as mínimas condicións de seguridade; unha nave completamente desfeita durante un temporal e que nunca se reconstruíu; camións con estribeiras feitas a man cunha corda; maquinaria vella, con rodas gastadas, á que lle faltan pezas (como o cazo dunha pala-excavadora), que require de reparacións continuas ou que directamente está inutilizada porque xa nin sequera de arranxa”, explicaron.
Ante esta situación, o comité exixiu “a intervención da Xunta de Galiza e que todos os grupos parlamentares acorden unha fórmula (ben sexa a través dun convenio de colaboración, ben a través da integración da planta na rede de tratamento de residuos autonómica, mantendo o seu modelo específico) para garantir a participación da administración galega na planta de Lousame, unha xestión adecuada e o mantemento dos máis de 160 empregos”.
Con este obxectivo, o comité solicitarán reunións con todos os grupos con representación no Parlamento para explicarlle cales son as súas demandas e pedir o seu apoio político.




