A orixe da palabra faro ven do grego pharos, facendo referencia á primeira torre de sinais erixida na illa de Faro, en Exipto, no século III a.c. Dende aquela foron moitos os faros construídos por todo o mundo, na nosa costa galega hai moitos exemplos deste tipo de edificacións e de grande valor patrimonial. Así o veñen de recoñecer dende a prestixiosa publicación americana National Geographic, que recompilou no calendario anual da súa revista algúns dos faros máis senlleiros que se espallan pola provincia da Coruña.

A área de turismo da Deputación da Coruña, liderada polo vicepresidente Xosé Regueira, promociona deste xeito os faros da provincia no calendario anual da dita revista National Geographic Viajes. En total, editáronse 14.500 exemplares que se poden adquirir en diferentes puntos de venda de todo o Estado. O obxectivo desta iniciativa é dar a coñecer a riqueza turística e cultural da Coruña en todo o territorio español; concretamente, os seus faros e o patrimonio que os envolve, entre un tipo de turista moi especializado.
O percorrido por todos os faros coruñeses plasmado neste calendario que se titula A Coruña, unha provincia a través dos seus faros, comeza no norte, co faro do Cabo Ortegal (Cariño) protagonizando a portada, e remata no sur, co Faro de Corrubedo (Ribeira) no mes de decembro. Estas imaxes compleméntanse con información sobre o xeoparque mundial do Cabo Ortegal e a cultura surfeira desta zona, e sobre o ribeirense dolmen de Axeitos, respectivamente.
A área de turismo da Deputación dá a coñecer, así, por terceiro ano consecutivo, os recursos turísticos da provincia a través do calendario desta revista especializada en viaxes. Na panorámica costeira que achega este calendario pódense atopar tamén a Torre de Hércules (Coruña), o faro do Roncudo de Corme (Ponteceso), o Cabo Vilán (Camariñas) ou o Faro de Lariño (Carnota), entre outros, e tamén unha parte dos recursos históricos, naturais e sociais que definen estas zonas.



