
Datos arrepiantes. En Galicia hai máis de medio millón de vivendas baleiras, é dicir o maior parque de vivendas baleiras de España. Tres de cada dez están desocupadas. Mentres tanto, hai familias que non poden acceder a un arrendamento ou a unha hipoteca para a compra da vivenda habitual.
Se a vivenda é un dereito e non un ben de mercado, como é posible de que se sigan habitando, de maneira involuntaria, infravivendas, caravanas, vehículos particulares ou compartindo vivendas, con outros familiares, por falta de inmobles asequibles con rendas asumibles por parte das familias humildes e traballadoras.
O novo goberno que acceda á Xunta de Galicia, non pode deixar de lado o problema da vivenda, porque é algo real que afecta a miles de familias galegas. Actualmente, nalgúns pobos e cidades (principalmente das provincias da Coruña e Pontevedra) calquera persoa que desexa acceder a unha vivenda en alugueiro élle practicamente imposible, ben polos prezos excesivos ou pola falta de ofertas.
Por certo, cando se destinen axudas económicas aos inquilinos, para familias vulnerables, é necesario que se execute a totalidade do orzamento e que non queden solicitudes sen resolver, cando cumpren con todos os requisitos. Son temas moi serios, porque estamos a falar de persoas e que se deben tratar dunha maneira integral e valente.
Se a competencia, en materia de vivenda é da propia Xunta de Galicia habería que preguntarse cal foi a súa política. Paralizar a construción de vivendas sociais; medo a enfrontarse aos grandes propietarios (fondos de investimento grupos inmobiliarios, entidades financeiras…) para obrigarlles a poñer ao dispor da administración autonómica e local, dun número importante desas vivendas con destino a alugueiros sociais; non entender a vivenda como un Dereito e si como un negocio que beneficia, exclusivamente, aos rendistas.



