Calquera persoa que pasee polo Cantón Grande coruñés atoparase estes días (que supoño serán escasos) cunha pintada acusadora a Israel na súa acción xenocida contra os habitantes da Franxa de Gaza. Unha pintada que expresa o rexeitamento dos ataques que o goberno israelí perpetra dende vai máis de tres meses coas súas forzas armadas contra unha poboación, a palestina, que está a pagar as consecuencias da existencia dun terrorismo xestado en boa medida para evitar os estragos que outros grupos producían -e aínda poden facelo- en intereses e vidas de países alleos ao mundo do soño “panarábigo”.
“Israel, asesina”, sinala a pintada no valo das obras que se realizan no edificio do antigo Cine Avenida, da Coruña, como ben se pode comprobar na imaxe.
Cadra esta acusación direta co histórico ditame da Corte Internacional de Xustiza, que ordena a Israel tomar máis medidas para protexer aos palestinos. Pero non lle ordena que pare as operacións militares na Franxa de Gaza,
En concreto, o alto tribunal ordena a adopción de medidas para impedir cometer un xenocidio. Este alto tribunal da ONU, que ten xurisdición para ditaminar no caso, dí que Israel debe previr e castigar a incitación ao xenocidio en Gaza e permitir a entrada de axuda humanitaria á Franxa. Debe informar de novo á Corte no prazo dun mes.
Sudáfrica, país denunciante, solicitou como medida cautelar que se forzara o alto o fogo, petición que foi desestimada. Deste xeito, Israel seguirá avante na súa campaña de se “defender” de todos aqueles países considerados enimigos, aínda que non vai evitar que o proceso internacional na súa contra continúe na Haya.
O primeiro ministro israelí, Netanyahu, afirmou que a acusación de xenocidio feita por Sudáfrica “non só é falsa, é escandalosa”, aínda que celebrou que o Tribunal non ordeara o cese inmediato das hostilidades.
“Como todo país, Israel -dixo Netanyahu- ten dereito básico á autodefensa. O Tribunal rexeitou con razón a escandalosa esixencia de nos privar deste dereito”, após recoñecer o fallo da Corte Internacional de Xustiza (CIX) sobre as medidas.
Expresou tamén Netanyahu o compromiso de Israel de facilitar a asistencia humanitaria a Gaza, onde xa morreron máis de 26.000 persoas (a maioría cativos) en 112 días de guerra.
Segundo as autoridades gazatís, tamén se contempla “manter aos civìs fora de perigo”, ao tempo que acusou a Hamás de usar a estes coma escudos humanos.
Sudáfrica interpuxera a devandita demanda contra Israel a finais do pasado mes de decembro e as primeiras audiencias sobre o caso celebráronse na Haya os días 11 e 12 de xaneiro.
A presidenta ca CIX, no momento de lér a resolución, dixo que o Tribunal “é moi consciente da magnitude da traxedia humana que se está a desenvolver na rexión” e que está “fondamente preocupada pola contínua perda de vidas e o sufrimento humano”.
Máis a guerra, desgraciadamente, segue.



