En Muros a portavoz do BNG, Ana Pontón pide a comparecencia de Rueda no Parlamento para dar explicacións pola xestión da crise dos pellets no litoral galego

06 Xaneiro 2024

A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, avanzou que o BNG solicitará de maneira urxente a convocatoria da Deputación Permanente do Parlamento galego para que o presidente en funcións, Alfonso Rueda, compareza ante a Cámara para explicar “por que se ocultou información e por que non se están poñendo medios” ante o vertido de pellets plásticos na costa galega que cualificou de “traxedia ambiental”.

Así o dixo en Muros, onde coñeceu de primeira man a situación da man da alcaldesa da localidade, María Lago, a deputada Rosana Pérez e Luís Pérez, rexedor de Ribeira, outro dos concellos afectados e sobre os que Pontón advertiu “están sós, man a man coa cidadanía” ante a inacción tanto da Xunta como do Goberno central.

Neste sentido, considerou “gravísimo” que o Executivo galego ocultara o vertido de pellets cando era coñecedor do mesmo dende hai semanas, non puxera os medios necesarios para atallar o problema e ademais estea actuando “tarde e mal” porque activou o Plan de Continxencias “nun nivel que non implica a mobilización de máis medios”.

“É unha irresponsabilidade porque estamos ante unha traxedia ambiental que ten consecuencias negativas para o noso litoral e para o sector do mar”, incidiu, para reclamar a continuación á Xunta que reaccione, se poña “á fronte deste problema” e poña os medios necesarios para solucionar o problema.

Neste sentido, sinalou como máximo responsable da “incompetencia” coa que se está xestionando esta crise a Alfonso Rueda que, segundo subliñou, “vemos que está en campaña electoral, pero non se ocupa dos problemas que ten o noso litoral”.

A líder nacionalista afirmou que o que está acontecendo estes días “recorda demasiado” á maneira nefasta na que se xestionaron outro tipo de catástrofes ambientais como a do Prestige. “Vemos outra vez como son os cidadáns e os concellos os que se están tendo que enfrontar a este problema sós, sen que nin o Goberno galego nin o central estean actuando á altura da necesidade deste momento”, remarcou.

Ante a “opacidade na información e a falta de medios, recursos e coordinación”, Pontón advertiu que os Executivos galego e estatal están repetindo “os erros que se cometeron noutras traxedias dende o punto de vista ambiental”, o que cualificou dunha “auténtica irresponsabilidade” ante un vertido do que aínda non se sabe a súa dimensión exacta porque non se ofrece información ao respecto e que pode ser menos rechamante porque “non é unha marea negra, senón branca”, pero que é sabido “ten un impacto medioambiental negativo sobre o noso litoral”.

“O máis urxente é que se activen todos os recursos necesarios para poder limpar as praias e coñecer o alcance do vertido para que haxa solucións”, concluíu logo de apelar tamén á coordinación con Portugal para poder monitorizar, controlar e eliminar o vertido na súa totalidade. 

Pola súa banda, a alcaldesa de Muros, María Lago, pediu a “colaboración urxente e totalmente necesaria” da Xunta e do Estado que, segundo alertou, “nos están dando totalmente a espalda”. Lago incidiu en que os concellos estanse vendo “sós e sen medios” pelexando cun perigo que “non chegamos a coñecer de todo”.

“Non temos información do que é exactamente o produto que está chegando, nin da cantidade que queda por chegar, nin do que se perdeu”, afondou, para concluír a continuación que a Xunta está actuando “dunha forma tremendamente opaca e xerando unha desconfianza e un medo na poboación tremendo”.

Outros artigos

A Pobra acende o seu Nadal ao son da música e degustando chocolate

A Pobra do Caramiñal xa entra oficialmente no Nadal co acto de acendemento do alumeamento. Dous elfos de Papá Noel estiveron cantando panxoliñas polo centro urbano para guiar veciñanza cara a praza Alcalde Segundo Durán, onde, como xa é habitual, as crianzas estaban...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Una bella cierta historia de amor” – Manuel Domínguez

“Una bella cierta historia de amor” – Manuel Domínguez

Todos sabemos que la historia de Romeo y Julieta es una novela, de W Shakespeare Pero la hermosa historia de amor entre Pedro I rey de Portugal y la gallega, Inés de Castro, es realmente dolorosamente y admirablemente cierta Por temor a que los hijos de Inés,...