Unha nova enquisa de proxección de voto para as eleccións autonómicas do próximo 18 de febreiro, elaborada por DemosGal para o grupo Editorial A Capital outorga ao PPdeG de Alfonso Rueda a maioría absoluta con 40 deputados, dous menos dos que ten actualmente. Ademais, sinala que o BNG de Ana Pontón baixaría e pasaría a 18 escanos, fronte aos 19 actuais.
En este mesmo estudo os tres escanos que estarían en xogo recolleríaos o PSdeG de José Ramón Gómez Besteiro, que pasaría de 14 a 15 e seguiría como terceira forza política, mentres que lle dá a Sumar, a formación de Yolanda Díaz, dous deputados, un por cada provincia atlántica (A Coruña e Pontevedra).
Este estudo sitúa ao PP como a lista máis votada nas catro provincias galegas, aínda que perdería dous escanos en total pero gañaría un en Ourense. Así, os populares tería 13 na Coruña (-1), 10 en Pontevedra (-1), 8 en Lugo (-1) e 9 en Ourense (+1).
En canto á baixada do BNG, outórgalla na Coruña, de maneira que pasaría de sete deputados a seis, provincia na que entraría Sumar cun escano. Mantería os seis de Pontevedra e senllos tres representantes en Lugo e Ourense.
Tamén o PSdeG de José Ramón Gómez Besteiro experimentaría un ‘baile’ de escanos. Así, segundo este estudo demoscópico, os socialistas subirían un escano nas provincias da Coruña e Lugo (de 5 a 4 e de 3 a 2, respectivamente) e manterían as cinco actas de Pontevedra. En Ourense, perden un deputado. Sumar, que en Galicia ten a Marta Lois como a súa cara visible, entraría con dous representantes, na Coruña e en Pontevedra.
Este estudo súmase ao publicado este sábado por Grupo O Progreso, que tamén lle dá ao PPdeG a reválida da súa maioría absoluta no Parlamento galego con entre 40 e 42 deputados, mentres que o BNG mantería os 19 escanos no mellor dos casos e o PSdeG continuaría como terceiro partido da Cámara galega con entre 14 e 17 representantes. Esa mesma enquisa, elaborada por Infortécnica, tamén abre a porta á entrada de Democracia Ourensá e de Sumar.
Outras enquisas
En canto a outras sondaxes, o diario “El Mundo” outorgou ao PP unha pinza de entre 38-41, ao BNG de 18-19 e ao PSOE, de 15-17 o pasado 15 de xaneiro.
Un anterior, de ‘El País’ mantivo a mesma situación que a que hai actualmente: PP (42), BNG (19) e PSOE (14).
Pola súa banda, Sondaxe para La Vozde Galicia deu ao PP 39 deputados; ao BNG, 20; ao PSOE, 15; e a Sumar, 1.
Nós Diario sitúa tamén con 39 escanos aos populares, fronte aos 22 que lle dá ao BNG, os 13 do PSdeG-PSOE e un máis para DO.
Mentres tanto, un dos escenarios máis abertos debuxouno o CIS, que abriu a porta a que o PPdeG perdese a maioría absoluta, cunha pinza de entre 36 E 38 escanos, eleva o teito do BNG ata os 23 cun mínimo de 20 e dálle ao PSdeG entre 17 e 18 deputados. A Sumar e Democracia Ourensá dálles posibilidades de entrar con entre cero e dous e cero e un, respectivamente.