A Xunta, as comunidades autónomas do Cantábrico, o Goberno central e mesmo a Comisión Europea xogan ao gato e o rato para determinar que facer con esa inmensidade de bolechas plásticas (pellets) que, desde vai case que un mes, percorre o Atlántico desde o norte de Portugal cara ás costas de Francia e Inglaterra, con especial incidencia neste momento nunha trintena de praias galegas -nomeadamente das rías de Arousa e Muros-Noia- e outras de Asturias, Cantabria e Euskadi.
Como cada vez que se produce un dano destas características, son os vontarios os primeiros en dar a necesaria resposta á emerxencia. Ocorreu, sen ir máis lonxe, nos casos do Mar Exeo e o Prestige, e está a pasar arestora con ducias de ecoloxistas ou meros cidadáns preocupados polo mar e os seus habitantes que non teñen outra compensación ao seu labor que a satisfación de cumprir co que consideran unha obriga cidadá.
Sí, a día de hoxe, a Xunta e os concellos afectados pola “marea plástica” colaboran na eliminación de todos eses pellets plásticos. Limparán “todo o que sexa necesario, durante o tempo necesario”, segundo afirmou este mércores o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, en resposta ao eurocomisario de Pesca da UE, Sinkevicius, deixando entender “que é imprescindible deter os sacos de perdigóns (pellets) no mar para que non cheguen a terra”. Por este motivo, Rueda afirmou asimesmo que “é imperativo que o Goberno de España se implique agora”, engadindo: “temos que traballar xuntos contra a contaminación dos mares”.
Esta é, a grandes alancadas, a resposta que o máximo mandatario autonómico galego dou ao eurocomisario Sinkevicius quen, nunha mensaxe enviada o mesmo mércores, advertiu que o vertido de 26 toneladas de pellets de plástico “ameaza ao medio ambiente e actividades económicas como a pesca”. Para o eurocomisario están “desexosos de debater como podemos axudar mellor”.
Outras respostas se producen.
Por exemplo, as dúas denuncias -unha presentada por Ecoloxistas en Acción e Plademar e outra por Podemos- que dan un novo rumbo ao proceso que se abre en Galicia por mor da masiva presenza de pellets plásticos nunha trintena de praias desta comunidade autónoma, ao tempo que o xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Noia abre dilixencias por un posible delicto contra os recursos naturais e o medio ambiente. O auto xudicial formula que os feitos denunciados presentan esas características que “fan presumir a posible existencia de delicto” e da orde ao servizo do Seprona da Garda Civil, para que realice un informe no que conten os datos recabados en relación coa titularidade do buque Toconao (do que caeu ao mar o contedor cos pellets) e consignando asimesmo as circunstancias nas que se produciran a perda da carga, o seu contido, a composición e posible toxicidade dos pellets, a máis do alcance do vertido e a delimitación da zona afectada.
Un derrame o producido en augas próximas a Viana do Castelo (norte de Portugal) que, para a Comisión Europea, significa unha ameaza para o medio mariño e a pesca.
A Xunta reafírmase na necesidade de que os medios pertencentes ao Estado recollan do mar os sacos (confeccionados en India e non en Polonia, como se dixo nun principio) que conteñen no seu interior millóns de pellets. Máis son os responsables deses medios estatais os que alegan incapacidade para os visibilizar, nomeadamente dende as aeronaves.
Tamén hai contradicións en torno á toxicidade do produto. Este fabrícase cunhas máquinas paletizadoras de plástico que efectúa a formación dos gránulos pequenos de resina plástica (virxe ou reciclada) coa aplicación da alta temperatura a presión. Utilízanse como materia prima na industria do plástico e antes de se converter en produto final, son transportados ou almacenados como pequenas esferas ou gránulos de plástico que, certamente, non son ben recibidos nos buques mercantes que os transportan e que calculan que se levan vertido ao mar accidentalmente máis de 150.000 toneladas deses pellets. Por este motivo, as empresas navieiras aplican altísimas tarifas polo transporte dese material, o que leva a que no contrato dos portes non se declare cal é realmente a materia que vai nos contedores.
Será este o motivo polo que non se deu a coñecer o manifesto de carga do buque liberiano?.



