A Comunidade de Montes de Baroña (Porto do Son) vén de denunciar nas redes sociais un novo caso de agresión ao patrimonio que nos colle de preto, e máis aínda aos integrantes da Comunidade, que, na súa liña de preservación ambiental e cultural, viron como en cuestión de segundos alterábase o traballo despregado pola propia entidade para recuperar a mámoa de Montemuíño, formada por tres históricas construcións funerarias.
Segundo mostran nas redes, este tesouro patrimonial da nosa comarca foi cruzado os días pasados por un vehículo todoterreo que non respectou nin o traballo feito pola Comunidade nin o feito de que se tratase dun monumento pertencente ao neolítico nin que fose un ben patrimonial catalogado e inventariado polo Goberno galego. De feito, o paso do vehículo deixou unhas fondas rodeiras dun extremo a outro da mámoa.
A Comunidade mostrou deste xeito a súa repulsa: “Algo estamos facendo mal como sociedade cando non somos capaces de que se entenda que o patrimonio é parte das nosas vidas e que debe ser coidado e respectado por todos para desfrutalo no futuro así como fixeron os nosos antepasados para que nós o poidamos admirar no presente”.
A entidade xa anunciou que vai proceder á reparación dos danos e que “seguiremos insistindo en que se peche perimetralmente este conxunto de mámoas, dado que se non se limita o acceso a vehículos ao entorno seguramente se volvan a producir estes feitos”. Tamén indican que “é triste que por culpa duns inconscientes non poidamos desfrutar destes xacementos tal e como foron transmitidos durante anos e que os teñamos que ver rodeados dun elemento que distorsionará seguramente o entorno”.