
A empresa CONGALSA, compañía alimentaria con sede na localidade coruñesa da Pobra do Caramiñal, conseguiu a Certificación como un Gran Lugar para Traballar, outorgado pola consultora Great Place to Work, referente na identificación e certificación de Excelentes Lugares para Traballar. Tras un diagnóstico do ambiente organizacional, que incluíu unha enquisa global do persoal (aproximadamente un 65% de mulleres, fronte a un 35% de homes), a compañía obtivo esta certificación que acredita que a firma da Pobra é “unha organización cunha cultura de alta confianza, capaz de atraer e reter talento”.
O informe de resultados destaca a altísima participación de empregados na enquisa e sinala como os puntos mellor valorados os relativos a “orgullo de pertenza”, “a cultura de confianza e autonomía” e “a percepción dun trato xusto con independencia da raza, posición na empresa e orientación sexual”.
Proxecto Persoas
Entre as principais estratexias en materia de Recursos Humanos postas en marcha por CONGALSA para conseguir un óptimo e distendido ambiente de traballo, destaca a aposta polo emprego estábel, a formación e promoción interna, a igualdade no traballo e o fomento da conciliación promovendo, ademais, acordos con empresas locais para que os seus traballadores poidan obter beneficios ou descontos en determinados produtos e servizos.
Ademais, a empresa singularízase especialmente polo desenvolvemento do seu Proxecto Persoas. Trátase dunha iniciativa encamiñada a desenvolver accións, principalmente en horario extralaboral, para fomentar a cultura de pertenza á empresa e a integración e interacción dos seus traballadores ao redor de diferentes accións como poden ser concursos (de fotografía, receitas, postais e adorno do Nadal, etc), actos deportivos e benéficos (partidos de fútbol internos, andaina solidaria, recollida de xoguetes durante o Nadal) ou cursos e formacións en diferentes materias como pilates ou técnicas de defensa persoal, por citar algunhas das máis exitosas.
Para Juan Carlos Rama, director de Recursos Humanos de CONGALSA, “esta certificación fai que nos sintamos especialmente orgullosos das nosas políticas de xestión de persoas. Cada un dos nosos traballadores é único e especial e, grazas a que todos eles asumen os valores corporativos da organización e responsabilízanse da súa parcela de traballo, con dedicación e esforzo, puidemos conseguir que CONGALSA se convertera nunha das empresas de alimentación máis relevantes do sector”.



