“Non lles pido que coiden á Xunta de Galicia, nen que coiden á conselleira nen aos conselleiros. Pido que coiden a imaxe de Galicia. Esta é unha manifestación política. E esto é bo que se diga. Saber ata onde se pode chegar cando hai unhas eleccións en Galicia. Oxalá esas reivindicacións sexan xustas”.
Pregúntome se haberá alguén que o dubide.
As citadas son verbas pronunciadas pola conselleira de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, no que se pode entender como un intento de se poñer de costas á realidade dos pellets de plástico que trouxo o mar desde o Atlántico -na costa norte de Portugal- ata Galicia e, como de rebote, Asturias e Cantabria (finalmente semella que os avistados en Euskadi non se correspondían cos granulados que o temporal guindou ao mar desde a cuberta do buque liberiano Toconao na segunda semana do mes que andamos).
Tiro en conclusión que a conselleira responsable do Medio Ambiente en Galicia descoñece que a convocatoria de concentración/manifestación en Santiago no mediodía deste domingo, 21 de xaneiro, está asinada por unha vintena longa de organizacións cidadáns, profesionais e medioambientalistas que, supoño, terán entre os seus integrantes homes e mulleres militantes que acudirán porque lles peta a este chamado de, tamén, homes e mulleres que, nas rías de Arousa ou Muros-Noia, pescan e marisquean a cotío sen iscar nasas ou anzós con papeletas electorais do partido que goberna na Comunidade Autónoma de Galicia, nen introduciren carnada coas sigras dese mesmo partido nas nasas do polbo coas que facer rendible -aínda que sexa mínimamente- o seu traballo de luns a venres.
Talvez a Xunta coidou a imaxe de Galicia chegando tarde a decidir que facer nas praias do Vilar e Corrubedo afectadas -ben se sabe- polas boliñas brancas que se misturaron coa area e o lixo case sempiterno de moitos dos areais galegos?. Limpou a Xunta -con que?- o nome de Galicia pospondo a intervención que reclamaron e reclaman os mariñeiros e mariscadoras das Furnas, en Porto do Son, ou os da ría de Muros-Noia, entre outros?…
Que traballo lles custa a uns e outros recoñecer que, sen explicación creíble, actuaron tarde; que aplicaron tarde o nivel 2 do Plan que pon en marcha na comunidade autónoma os medios de loita contra a contaminación mariña e abre as portas á intervención dos medios mariños, áereos e terrestres dos que dispón a administración central?. Sería este acaso o obxectivo?: evitar que eses medios nacionais evidenciaran a nula resposta dos medios propios de Galicia diante dun novo episodio contaminante que, ao parecer, non o é tanto -está por ver- como se temía?.
Verdadeiramente, tan pouco aprendimos de feitos tan negativos para a imaxe de Galicia como foron os do Casón, o Aegean Sea ou o Prestige, entre outros, que levaron a negro a imaxe dunha Galicia que, por sí mesma, non sería quen de ofrecer outra distinta (e sen que a resposta do Goberno central fose o mellor exemplo, como se evidenciou co Prestige)?.
Para min que o dito pola conselleira de Medio Ambiente non é de figurar no libro de estilo de resposta política a unha situación de emerxencia que a cidadanía, sen bandeiras nen sigras, tenta atallar con peneiras e cabazos que a Xunta non subministraba, como pasou coa marea negra do Prestige.



