Celébrase a primeira reunión do comité científico que avalará o impacto da chegada dos granulados do “Toconao”

19 Xaneiro 2024

O comité científico que asesorará á Xunta para avaliar o impacto da chegada de pellets á costa galega e a situación dos plásticos mariños en xeral celebrou este venres 19 de xaneiro a súa primeira reunión de traballo co obxectivo de “unir esforzos desde distintos eidos” e “crear sinerxías que sitúen a Galicia como un referente na loita contra este tipo de contaminación”, segundo dixo a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, quen compareceu ante os medios coa directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR), Covadonga Salgado, e a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, antes de saudar aos membros do comité, reunidos na sede do INTECMAR, en Vilagarcía.

Logo de agradecer a “implicación e o compromiso” dos 16 membros que conforman inicialmente o órgano e recordar que “poderá sumar novas incorporacións en función das necesidades”, Vázquez salientou “a importancia de que a Comunidade poida contar cun comité de asesoramento técnico e científico en relación ao problema dos plásticos e dos microplásticos mariños”. Tamén destacou a necesidade de traballar na busca desas “solucións” a través de “voces con experiencia e criterio”, dixo, como as dos expertos que forman parte do novo órgano asesor.

En concreto, no comité científico figuran catedráticos e profesores titulares das tres universidades galegas, responsábeis de centros de investigación relacionados co medio mariño e de organismos estatais e autonómicos como o Instituto español de Oceanografía (IEO), o Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (CEDEX), o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), o Intecmar, o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) ou o Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, e de entidades de referencia como a Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (CEMMA).

A misión deste comité científico de expertos —que dependerá do INTECMAR— será avaliar as actuacións necesarias, a medio e longo prazo, derivadas dos impactos dos plásticos no mar e nas costas de Galicia. Concretamente e entre outras cuestións, encargarase de elaborar un programa a curto, medio e longo prazo dos efectos dos plásticos; analizar a toxicidade deste material nos ecosistemas mariños, con especial atención á fauna mariña e á avifauna costeira; e valorar as boas prácticas e as regulamentacións necesarias para prever posíbeis verteduras plásticas.

A vicepresidenta incidiu en que este comité será o encargado de definir as liñas de traballo a seguir para ir avanzando na proposta de solucións ante o problema global dos plásticos mariños e cuxos resultados puxo á disposición do resto de comunidades autónomas. “É un paso moi importante o que demos hoxe”, incidiu Ángeles Vázquez, que engadiu que a intención da Xunta é compartir os estudos que se fagan no marco do comité científico co resto de comunidades, co Ministerio e con Europa.

Polo que respecta ao dispositivo despregado pola Xunta nas praias e no mar para a recollida dos granulados do mercante Toconao, a vicepresidenta indicou que “ata o momento xa se recuperaron 3.313 quilos deste material, o equivalente 132 sacos, e tamén se retiraron 8.926 quilos doutros plásticos”. Segundo engadiu, no día de onte o persoal mobilizado polo Executivo galego sacou das praias 181 quilos de bólas, así como 1.227 quilos doutros materiais plásticos que poden depositarse no contedor amarelo.

Detallou que o operativo de vixilancia, detección e limpeza da Xunta, por terra e mar, está integrado hoxe por uns 400 efectivos repartidos por 56 praias de 30 concellos. Ademais, tamén inspeccionarán 31 areais de Ribeira a petición do propio Concello e en aplicación do protocolo de colaboración aprobado no Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan CAMGAL).

Ademais, o Servizo de Gardacostas continúa a facer un seguimento da situación mantendo activos os helicópteros Pesca 1 e Pesca 2, catro embarcacións de gran porte (o Sebastián de Ocampo, o Irmáns García Nodal, o Ría de Vigo e a Mar de Galicia) así como seis patrulleiras de menores dimensións. A este operativo engádese o avión de Salvamento Marítimo do Estado Rosalía de Castro e o helicóptero Helimer 401.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.