
O candidato socialista á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, reuniu este luns 15 de xaneiro a unha trintena de alcaldes, alcaldesas e voceiros socialistas da costa afectados pola marea plástica. Fíxoo no Grove e co obxectivo de “facer o que tiña que facer o presidente da Xunta”, dixo. Besteiro constituíu un grupo de responsábeis a tódolos niveis para garantir “información, coordinación e colaboración” mentres dure a crise medioambiental do vertido de granulados plásticos do buque Toconao.
O líder socialista resumiu que “hoxe estivemos nesta reunión facendo o que tiña que facer o presidente da Xunta dende o primeiro momento, que é reunir aos alcaldes e alcaldesas afectados e poñéndose á fronte da situación”.
Gómez Besteiro defendeu a súa actuación durante a crise dos vertidos sinalando que ofreceu “información detallada, tódolos días e as 24 horas” aos concellos que están a sufrir a chegada do plástico ás costas e que están a padecer as consecuencias da “falla de liderado, resposta, a inacción e a falla de competencia” por parte do Goberno galego, laiouse, ao tempo que criticou a xestión da crise, que revelou, ao seu xuízo, a “soberbia e a mentira” como forma de actuar do PP e do Goberno galego.
Ademais, presentou un catálogo de cinco propostas básicas para facer fronte á situación, que comeza coa constitución de comités de crise que reúna dende o primeiro día a tódalas administracións afectadas. Reclamou incorporar aos concellos a través da FEGAMP, ademais da administración estatal e autonómica con independencia do nivel necesario na crise medioambiental.
Tamén reclamou recursos materiais e humanos para que os concellos poidan afrontar a limpeza sen custe, así como información científica e transparencia que permita afrontar a situación con tranquilidade. Neste sentido alertou do problema que supón a “falla de seguridade, de información e as mentiras”, que xeran pánico na poboación civil.
O candidato socialista pediu “unha campaña de difusión e apoio á promoción da calidade dos produtos pesqueiros e marisqueiros, na liña que tomou dende o primeiro momento o ministro de Agricultura e Pesca do Goberno central”.
Finalmente, reclamou “información clara sobre os procedementos de reclamación penais e civís” sobre os gastos e os danos que se produzan derivados da chegada de granulados ás costas.
Besteiro recolleu as propostas e as reclamacións dos alcaldes e alcaldesas afectados, que están a denunciar a “descoordinación” por parte da Xunta de Galicia, así como a “falta de información constante e diaria”, e a “falta de efectivos dende o primeiro momento”.



