
O vindeiro xoves van reunirse novamente -será a cuarta xuntanza dos órganos de goberno das federacións galega e provinciais da Coruña, Pontevedra e Lugo- para formular á Consellería do Mar á súa aceptación oficial da liña de axudas económicas directas ofertadas pola propia consellería para paliar no posible os graves danos experimentados no sector marisqueiro por mor das chuvieiras rexistradas ao longo dos meses de outubro e novembro. Estas treboadas causaron verdadeiros estragos nos bancos marisqueiros, matando a cría de ameixas e berberecho e deixando ao sector sen produto que ofertar aos consumidores na época que máis bivalvos se consumen en Galicia e outras comunidades autónomas que dependen tamén de Galicia para a subministración aos seus cidadáns deste tipo de marisco.
Polo de agora non está feita unha avaliación exacta do prexuízo ocasionado pola alta desalinización do mar nas rías produtoras de berberecho e ameixas, pero si se sabe que a mortaldade das crías destas especies supera con moito o 50% do sementado e que os poucos bivalvos que quedan vivos nos bancos marisqueiros dificilmente van recuperarse para os mercados.
Este martes, 1 de xaneiro de 2024, reuníronse os presidentes e membros das xuntas de goberno da Federación Galega de Confrarías de Pescadores e das tres federacións provinciais citadas, co obxectivo de fixar que tramitación levar a cabo para a distribución entre os afectados -que son a maioría dos mariscadores censados- das axudas prometidas pola Consellería do Mar. Axudas directas e plan de acción solicitadas polas confrarías para rexenerar cos biólogos da consellería e dos pósitos (organizacións de mariscadores) os bancos de produción marisqueira, así como saber as cantidades a percibir polos afectados unha vez aprobadas por estes as axudas anunciadas e sen que, arestora, se saiba nada da resposta que o Goberno vai dar á petición da Xunta tramitada a través da delegación do Goberno en Galicia para que se recoñezan os danos provocados na produción marisqueira por efecto dos temporais mediante a declaración de zona catastrófica. Esta solicitude baséase nos informes elaborados por Meteogalicia e o Intecmar, que certifican as precipitacións na vertente atlántica galega entre o 15 de outubro e o 16 de novembro, que superaron os mil litros por metro cadrado, e o seu impacto negativo na (baixa) salinidade dos bancos marisqueiros.
Aínda que, oficialmente, non hai resposta do Goberno á petición de declaración de zona catastrófica nas rías galegas produtoras de marisco bivalvo, si pode afirmarse que esta é unha figura xa utilizada por outras comunidades autónomas ante situacións excepcionais semellantes, o que permite habilitar as axudas necesarias para compensar as importantes perdas económicas ocasionadas pola severa mortaldade nas poboacións de bivalvos.


