
As lapas devoraron esta noite pasada unha nave no polígono industrial do Tambre, en Santiago. Pasadas as dez, o 112 recibía o aviso de que o lume ameazaba con espallarse rapidamente polas naves lindeiras.
O servizo de bombeiros compostelá empregou todos os medios dispoñibles para evitar que alcanzase unhas instalacións próximas repletas de pinturas e materiais inflamables.
O incendio quedou extinguido pasada a medianoite, pero a nave quedou destruída e un lateral derrubouse parcialmente, afectando outra nave. Non houbo danos persoais, pero os materiais son cuantiosos.
Segundo algunhas testemuñas, varias tomas de auga non funcionaban o que atrasou a intervención.
O lume iniciouse nunha nave sen actividade, que nestes momentos, estaba a ser acondicionada para unha nova apertura.
O local, situado na Vía de Edison, no Polígono do Tambre, en Santiago de Compostela, ardeu por completo e afectou a dúas naves lindeiras. Por fortuna, non houbo que lamentar danos persoais.
Ao fío das dez e media da pasada noite, varios particulares contactaban co 112 Galicia para informar dunha nave ardendo no Polígono do Tambre, sen coñecer se habería xente afectada. A partir de aí, os xestores do 112 pasaron aviso aos Bombeiros de Santiago, á Policía Local, á Nacional e aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da cidade. Ademais, por se fose necesaria a súa intervención, informaron dos feitos ao persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, así como ao persoal de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.
Tras desprazarse decontado ao punto, os Bombeiros, unha vez controlada a situación, lograron a completa extinción do lume e procederon a refrixerar a zona. Así, tras finalizar o seu traballo, indicaron que a nave na que se iniciara o lume, ardera na súa totalidade e que as dúas naves lindeiras tamén resultaran afectadas polos laterais.



