
Un plan de recuperación para as rías e un seguro público que cubra as perdas eventuais da produción marisqueira. Estas son dous dos grandes proxectos do BNG para o caso de que obtivese nas vindeiras eleccións o pase para o Goberno da Xunta. Así o manifestou este mércores 17 de xaneiro a portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, nunha visita ao porto de Ribeira, dende onde se comprometeu a traballar “man a man” co sector do mar “para que Galiza siga sendo un referente pesqueiro e marisqueiro pola extraordinaria calidade dos nosos produtos”. E engadiu: “Quero ser a presidenta do goberno que defenda o noso mar, que enfronte os seus problemas e que poña en marcha políticas para recuperar a actividade e os empregos perdidos nos últimos anos”.

Pontón reuniuse esta mañá en Ribeira con representantes do sector do mar para escoitar de primeira man os problemas que afrontan e darlles a coñecer algunhas das medidas que porá en marcha como presidenta se os galegos e as galegas lle dan a confianza necesaria para isto. Neste contexto, anunciou que unha das súas prioridades será “aprobar un plan estratéxico de recuperación das rías financiado con recursos propios da Xunta pero tamén con fondos do Estado e da UE”, ao que se engadiría a posta en marcha dun seguro público que “cubriría as perdas eventuais dun sector estratéxico para a economía galega, que supón o 4,8 % do PIB e que xera 64.000 postos de traballo directos. Un sector ao que, sostivo, “o PP lle deu as costas” con políticas nefastas que provocaron a súa perda de peso e de emprego e unha baixada na produtividade drástica e continuada, contra a que o Bloque propón así mesmo o impulso de hatcheries públicos ou mixtos en colaboración coas confrarías”. Pontón tamén apostou en Ribeira por “crear o mellor consorcio científico de estudo e coñecemento do mar de toda Europa, aglutinando no mesmo a centros de investigacións, universidades e sector, e por dar forma a unha sociedade mixta comercializadora para a promoción e venda do produto galego.

A maiores, a candidata do BNG adiantou a súa vontade de dar pulo a unha marca propia para os produtos galegos que permitiría “identificar na etiquetaxe a súa procedencia”. Na mesma liña, subliñou a aposta por impulsar as denominacións de orixe protexidas e pola promoción internacional dos produtos do mar, aos que tamén se lle daría un maior peso dentro das políticas de compra pública para aumentar a súa presenza en comedores escolares, residencias ou hospitais, precisou.
Pontón advertiu contra os intereses económicos que se agochan detrás dalgunhas das políticas postas en marcha nos últimos anos en prexuízo da xente do mar e, en concreto, referiuse ás grandes enerxéticas que “queren ocupar con muíños de vento os principais caladoiros do país”. Segundo dixo, “quero deixar claro que se eu son presidenta Galiza vai ser declarada libre de eólica mariña, porque suporía un golpe mortal para o sector”.
Tras o encontro dos representantes do mar, a candidata nacionalista referiuse á crise da marea plástica “na que comprobamos de novo que as nosas costas non están seguras”. E engadiu: “Temos un goberno do PP que non aprendeu dos erros do pasado e que aplicou punto por punto o nefasto protocolo do Prestige, ocultando o problema, minimizándoo, intentando botar balóns fora e utilizando a propaganda e a manipulación sen ningún tipo de escrúpulos”. Segundo dixo, “aínda agardamos que remitan o informe sobre a toxicidade dos granulados ao Parlamento”.
Sobre esta cuestión, sinalou que un dos seus compromisos se chega á Presidencia da Xunta será reclamar as competencias de salvamento e loita contra a contaminación mariña e dispor de máis medios para protexer o litoral.



