
A asociación galega ADEGA vén de reclamar á Xunta que eleve o nivel de emerxencia a nivel 2 (arestora o Plan CAMGAL atópase no 1, o máis leve) para que se active o protocolo de intervención dos medios marítimos do Goberno español con vistas a afrontar a crise da marea plástica, un vertido que leva un mes arribando á costa galega, incluídos concellos da nosa comarca especialmente castigado como Ribeira, Porto do Son ou Muros. Deste xeito, explica ADEGA, poderase solicitar ao Ministerio o apoio con medios marítimos (buques e barreiras anti-contaminación) para conter a extensión da vertedura de pellets antes de que cheguen ás costas.
ADEGA explica que “dada a natureza destes materiais e a súa flotabilidade, resultaría máis efectivo controlar a súa dispersión no propio mar, denantes de que arriben á costa e se depositen nos areais e nos bancos marisqueiros”. E engade: “De especial importancia sería reforzar a protección na boca das rías e na contorna dos espazos naturais protexidos, áreas nas que a penetración destes contaminantes e a súa persistencia no medio podería supoñer un maior dano ecolóxico”.
ADEGA solicitou tamén unha entrevista urxente cos responsábeis de Medio Ambiente e Mar para coñecer as actuacións desenvolvidas pola administración da Xunta nesta catástrofe e reclamarlles “maior transparencia na divulgación da información sobre a natureza, alcance e consecuencias desta marea plástica”.
E engaden: “Precisamos coñecer canto antes a orixe, cantidade, composición exacta e potencial contaminante destes materiais plásticos para tomar as axeitadas medidas de protección e salvagardar a saúde ambiental e cidadá”.
ADEGA láiase de que “dende o pasado día 4 de xaneiro que pedimos información, non recibimos aínda resposta por parte da Xunta. Asemade, solicitamos tamén xuntanza cos responsábeis do Estado en Galiza para reclamarlles unha maior implicación e coordenación coa Xunta”.
ADEGA está a organizar diversas xornadas formativas con voluntariado para a coordinación dos labores de limpeza e a intervención directa no litoral afectado, das que informará este martes 9 de xaneiro. Segundo explica a organización ecoloxista galega, “é clave establecer un protocolo de actuación e unha mínima coordinación nos labores de limpeza da costa afectada para non causar maiores danos aos fráxiles ecosistemas litorais. Evitar a masificación, coñecer o medio, usar as técnicas axeitadas e dirixir os esforzos alí onde se precisa resulta chave para que os traballos de limpeza sexan realmente efectivos. A experiencia acumulada durante a catástrofe do Prestige e as anuais limpezas simultáneas de praias debe resultar nuns traballos de voluntariado máis efectivos e seguros”.




