A Xunta de Galicia instou ao Goberno central a que actúe “canto antes” e poña os seus medios marítimos a rastrexar a costa galega para recoller os sacos de aglomerados perdidos polo mercante Toconao en augas portuguesas, unha vez que a recuperación dun deles nun polígono bateeiro do Grove e doutro en Camariñas “constatan que é posíbel e factíbel realizar esta operación”, sinalou o Executivo galego, que celebrou este xoves 11 de xaneiro unha nova reunión do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (CAMGAL) para analizar a situación do episodio e coordinar os traballos na que participaron a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares. Desta volta estiveron presentes na xuntanza o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, xunto con dous técnicos, para reforzar a colaboración entre administracións ao tratarse dun asunto de interese xeral.
A Xunta trasladou ao representante do Executivo nacional a necesidade de que mobilice os seus medios con celeridade para minimizar na medida do posible a chegada de residuos plásticos ás praias nos próximos días. “É moi importante rescatar os sacos que poidan estar flotando pois segue habéndoos cheos e hai que evitar que rompan e se espallen os pélets por todo litoral”, incidiu Ángeles Vázquez.
A vicepresidenta segunda agradeceu “a vontade de colaboración trasladada tanto polos representantes do Goberno central como dos concellos” e confiou en “que esa vontade se traduza pronto nun traballo intenso tanto en terra como no mar para atallar canto antes o episodio de chegada dos pélets”.
Ángeles Vázquez detallou que o dispositivo despregado pola Administración autonómica contou hoxe con preto de 300 efectivos que actuaron en 40 areais de 30 concellos. Este operativo, dixo, permitiu retirar nos últimos días “o equivalente a algo máis de 42 sacos de pélets”.
A representante do Executivo galego destacou que “só na xornada deste xoves 11 os medios mobilizados pola Xunta retiraron das praias o equivalente a 18 sacos, así como preto de 700 quilos doutros materias plásticos” existentes nas zonas de actuación que se almacenaron por separado.
A vicepresidenta segunda tamén informou de que na web do Plan CAMGAL “están dispoñíbeis os protocolos de actuación tanto para os concellos como para o persoal contratado e os voluntarios -que foran elaborados anteriormente e xa trasladados desde o primeiro momento aos implicados-, co obxectivo de optimizar a coordinación dos traballos e a xestión do material retirado das praias”.
Neste sentido, lembrou que “é moi importante que os interesados en colaborar como voluntarios se poñan en contacto cos Concellos nos que pretenden actuar para optimizar os traballos”. Así, dixo, “poden organizarse as zonas de limpeza, o xeito de realizar ese labor e onde depositar o material recollido en coordinación directa coas administracións locais correspondentes”. Engadiu que “é especialmente sensíbel o caso das limpezas en áreas protexidas desde o punto de vista ambiental, nas que se precisa autorización previa para intervir e nas que é preciso extremar as precaucións para non danar os valores destas áreas e seguir as recomendacións oportunas para protexer os ecosistemas”.