A Xunta pide ao Goberno helicópteros, barcos e un avión para frear a chegada de máis pélets á costa

10 Xaneiro 2024

A Xunta de Galicia urxiu hoxe ao Goberno central a “actuar xa no mar”, onde, comunicou, “ten competencias exclusivas e, polo tanto, a obriga legal de intervir”, co fin de frear a chegada de granulados plásticos á costa e cando se cumpre máis dun mes desde que o mercante polaco Toconao perdera en augas portuguesas seis contedores, un deles cargado con 1.000 sacos deste material.

Así o reclamou esta mañá a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que compareceu en rolda de prensa tras asistir á reunión do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (CAMGAL), presidida polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Tras subliñar que hoxe “se cumpre un mes e dous días” de que o Goberno central tivera coñecemento oficial do incidente a través das autoridades portuguesas, Ángeles Vázquez lamentou que durante todo este tempo o traballo realizado por parte do Estado foi “nulo”.

“Agardamos que a partir de agora si se poñan a actuar onde teñen que actuar, que é alí onde teñen competencias exclusivas: no mar e sobre aqueles residuos que veñan do mar cara á terra”, declarou.

Neste sentido, a vicepresidenta subliñou a importancia de interceptar os sacos antes da súa chegada ás praias porque unha vez que se abren e chegan á costa de forma dispersa, a recollida das partículas “é moi complicada” debido ao seu reducido tamaño.

Así e unha vez que a Xunta elevou o nivel de alerta do Plan Camgal do 1 ao 2 (nivel medio), Ángeles Vázquez explicou que onte mesmo se dirixiu por carta á vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, para notificarlle a decisión adoptada sobre o Camgal e pedirlle, á vez, que despregue todos os medios necesarios en Galicia para actuar desde o mar.

Tal e como recalcou a responsable autonómica, a prioridade do Goberno central agora debe ser a busca do material que levaba o mercante desde o propio mar, “onde ten competencia” e sigue habendo “sacos á deriva” que non deben chegar á costa.

Por iso, reclamou que mobilice “medios por aire” para poder avistar os que estean a flote e tamén “os barcos necesarios” para interceptalos antes de que rompan, poñendo á disposición do Ministerio os recursos da Xunta para colaborar e servir de apoio no ámbito marítimo.

En todo caso, a vicepresidenta lamentou o tempo perdido e as constantes “escusas” nas que se amparou o Goberno central para xustificar a súa inacción ante o vertido de pellets plásticos que afecta ás costas galegas desde a semana pasada.

Así, lembrou que “a primeira” foi negarse a informar da notificación recibida de Portugal en decembro porque “segundo recoñeceu a vicepresidenta Ribera, entendían que non era perigoso” e “non tiveron a ben comunicalo”; e despois, a esixencia á Xunta de “elevar ao nivel 2” o Plan territorial anticontaminación como escusa para atrasar a súa intervención e nun ámbito onde ten a “exclusividade da competencia”.

“Cada partícula que chegou á costa galega ten un culpable: o Ministerio”, declarou Vázquez Mejuto, quen engadiu que se desde o “día 8 de decembro se puxera a traballar”, o material tería sido “interceptado” antes de tocar as praias e a situación hoxe sería diferente. “Xa non debería haber escusas”, considerou a vicepresidenta.

Unha semana de traballo nas praias

Fronte á actuación do Goberno central ante o incidente, a vicepresidenta puxo en valor o papel responsable da Xunta, que, segundo recordou, “leva 7 días traballando”. Por iso, eloxiou o labor dos traballadores de medios propios da Xunta que integran o dispositivo medioambiental despregado desde a fin de semana nas praias, integrado por máis de 200 persoas e que se sigue reforzando, coa incorporación progresiva de 100 traballadores máis ata acadar os 300 efectivos.

En concreto e con relación ao operativo de hoxe, cómpre indicar que as brigadas da Xunta están a intervir, en quendas de mañá e tarde, en preto dunha trintena de praias pertencentes a 22 concellos e nas que se tiña constancia da presenza de pellets.

Por último, a vicepresidenta asegurou que o Goberno galego seguirá traballando “con seriedade e en coordinación” cos concellos co obxectivo prioritario de recoller todo o plástico que haxa nas praias galegas, para o cal xa se estableceu un protocolo de retirada e eliminación destes residuos.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.