O Concello de Porto do Son e o Servizo Galego de Saúde organizan co novo ano unha actividade formativa sobre primeiros auxilios. Trátase dun curso de catro horas de carácter gratuíto dirixido a persoal sanitario e educativo, pacientes, familiares de pacientes, coidadores e cidadanía en xeral. Os contidos serán impartidos por Carlos Prados Sande, graduado en enfermería FPUS do 061 Galicia. A cita formativa será o vindeiro 22 de xaneiro, en horario de tarde, de 16.30 a 20.30 horas. O curso celebrarase na Casa da Cultura de San Pedro. Encádrase na actividade formativa da Escola Galega de Saúde para Cidadáns (SERGAS).
Programa e contidos
– Asistencia inicial ante un traumatismo, feridas e hemorraxias.
– Convulsións, crise epiléptica.
– Dificultade respiratoria: ansiedade, crise asmática, etc.
– Queimaduras, escaldaduras.
– Perda de coñecemento: síncope, coma, etc.
– Reanimación cardiopulmonar básica: atragoamentos, recoñecemento dunha PCR, etc.
– Etc.
As persoas interesadas deben formalizar a súa inscrición, do 9 ao 14 de xaneiro, a través do enderezo electrónico maria.santos.lemina@portodoson.gal.