Centos de persoas acoden ás praias afectadas pola vertedura de pellets sen que polo momento exista ningún protocolo de actuación ou de seguridade fronte a estes elementos. A solidariedade cidadá ante a chegada de pellets de plástico ás praias galegas choca de fronte coa actitude mostrada desde as administracións.

Centos de persoas acudiron aos areais galegos máis afectados pola vertedura de plásticos ao mar a principios de decembro. Neste caso, vinte anos despois do Prestige, as novas tecnoloxías e as redes sociais obraron o difícil traballo de coordinar o voluntarismo espontáneo para limpar praias. Con todo, tanto as autoridades como os diferentes colectivos ambientalistas lanzan avisos de precaución: ir en grupos pequenos, non molestar á fauna nin retirar elementos biolóxicos, mellor non entrar en sistemas dunares e levar protección #ante o descoñecemento da composición destes pellets.
Pola súa banda o Goberno de Ribeira agradece mediante unha nota ao voluntariado a súa implicación nesta autoconvocatoria civil de resposta a esta crise ambiental. O alcalde, Luís Pérez, asegurou que “unha vez máis o pobo galego bótase ao litoral para defender o medio natural. Grazas de corazón”. Nas tarefas de limpeza desenvolvidas esta fin de semana participaron medio milleiro de persoas, segundo fontes do Concello, incluíndose membros do Executivo local como por exemplo o propio rexedor, Luís Pérez Barral.




