A Consellería de Medio Ambiente di que xa se recolleron 3.524 quilos de granulados vertidos polo “Toconao”

22 Xaneiro 2024
Traballos despregados os días pasados na illa de Sálvora, en Ribeira

A Consellería de Medio Ambiente fixo este 22 de xaneiro un novo balance do resultado dos traballos realizados para conter e neutralizar a marea de granulados plásticos vertidos polo buque Tocanao no noso litoral. Segundo fai saber, o dispositivo despregado nas praias e no mar para a recollida das bolas plásticas permitiu recuperar ata o momento 3.524 quilos deste material, o equivalente a 141 sacos. Ademais, desde o 10 de xaneiro tamén se retiraron dos areais preto de 10.850 quilos doutros plásticos asimilábeis a residuos urbanos.

A Consellería concretou que este domingo 21 o persoal mobilizado polo Executivo galego sacou das praias uns 24 quilos de pélets, o equivalente a preto dun saco deste material, así como 560 quilos doutro lixo presente na costa que pode depositarse no contedor amarelo.

A maiores, desde o inicio do operativo os efectivos da Xunta contabilizaron a recollida doutros 1.272 quilos de bólas plásticas, o equivalente a preto de 51 sacos, froito do labor dalgúns voluntarios -que entregaron a pé de praia as cantidades obtidas ao finalizar as súas xornadas de traballo- ou dos sacos recuperados enteiros ou case cheos polos concellos e que foron retirados nos últimos días pola Administración galega para o seu traslado a un punto de almacenaxe.

O operativo de vixilancia, detección e limpeza, por terra e mar, despregado pola Xunta está integrado hoxe por arredor de 350 efectivos repartidos por 46 praias pertencentes a 20 concellos. Mentres, por mar o Servizo de Gardacostas continúa a facer un seguimento da situación mantendo activos os helicópteros Pesca 1 e Pesca 2, catro embarcacións de gran porte (o Sebastián de Ocampo, o Irmáns García Nodal, o Ría de Vigo e a Mar de Galicia) así como oito patrulleiras de menores dimensións. No día de hoxe o Goberno central non aporta ningún medio ao operativo.

A Consellería de Medio Ambiente engade que “os medios aéreos e marítimos poden ver condicionada a súa actuación polas condicións meteorolóxicas e pola necesidade de atender outras obrigas como o apoio aos máis de 4.000 buques pesqueiros e arredor de 1.300 barcos bateeiros da comunidade, o salvamento ou a vixilancia e control da frota”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.