O deste venres 5 de xaneiro é un dos grandes días do Nadal e os Concellos da nosa comarca quixeron estar á altura das circunstancias e recibir ás Súas Maxestades Os Reis Magos de Oriente como se merecen. Informamos das axendas:
En Ribeira
As actividades de recepción comezarán a partir das 18.00 horas. As Súas Maxestades chegarán ao porto de Ribeira (se o tempo o permite) nas embarcacións da Confraría da Dorna e dende alí irán a pé ata a rúa de Canarias, de onde sairá todo o desfile.
A Cabalgata estará formada por dez carrozas, das cales tres son as das Súas Maxestades, unha carroza da Estrela de Belén e seis carrozas de temática infantil que xirarán en torno ao escritor Julio Verne e os seus libros. A comitiva estará formada por arredor de 300 persoas, xa que se contará coa participación de distintas agrupacións e compañías que amenizarán o evento.
No capítulo de novidades, este ano amplíase o percorrido para tratar de chegar a máis zonas da cidade; pasando pola avenida da Coruña, o paseo das Carolinas, o parque García Bayón, a rúa Romero Ortiz, a rúa de Galicia, a rúa Canarias, a avenida Miguel Rodriguez Bautista e ata a rotonda da Serea, a rúa Rosalía de Castro, a rúa Martiño de Ribera e a rúa Talleres Nervión. Nesta última remata o percorrido e os Reis Magos baixarán das carrozas para dirixirse á praza de España onde está prevista a recepción e onde saudarán ao Belén Vivinte.
Durante o percorrido repartiranse 2.500 quilogramos de caramelos sen glute; e unha vez rematada a cabalgata, as Súas Maxestades saudarán a todas as persoas que estean agardando e procederán a realizar o sorteo de 3 agasallos entre os nenos e nenas que recibiron as súas rifas por visitar ao Carteiro Real, o Apalpador e o Papá Noel nas distintas actividades.
En Boiro
O Concello de Boiro, xunto coa Asociación Comisión Parroquial de Santiago de Lampón, organizan un ano máis a Cabalgata de Reis, que se celebra este venres 5 de decembro de 2024. Este ano a cabalgata contará con “algunhas variacións no percorrido”, ao saír de Escarabote e rematar en Boiro, xa que tradicionalmente volvía a Escarabote. A saída está prevista para as 17.15 horas da Agramuíña dirección ao Pontellón, onde dará volta e percorrerá toda a estrada xeral, pasará pola Magdalena, por Ponte Goiáns e a rúa Principal para chegar á praza de Galicia onde terá lugar a recepción por parte das SSMM os Reis Magos de Oriente a todos os nenos e nenas.
A comitiva estará formada por 8 carrozas, incluídas as dos tres Reis Magos, o nacemento e os camelos. Contará tamén con animación musical a cargo da banda OJE de Ferrol, o grupo Arume, Os Caraveiros, a charanga Equipo B e outra animación, ademais dos tradicionais personaxes como os facheiros (antorcheiros) e espadeiros que cada ano forman parte do desfile.
O itinerario contará como de costume cunha zona sen ruído que será na rúa Principal, no treito comprendido entre a avenida de Compostela e a rúa Salvador Allende. Do mesmo xeito, dende a organización informaron da tirada de bombas de palenque, que se realizarán á saída, en Ponte Goiáns e á chegada a Boiro. A recepción dos Reis Magos terá lugar na carpa da Praza de Galicia, onde haberá animación musical dende as 18.00 horas e tamén unha gran chocolatada para rematar.
Este ano repetiuse a visita das Raíñas Magas a todas as parroquias do municipio. As SSMM fixeron o percorrido o xoves 4 de xaneiro durante todo o día, comezando ás 11.30 horas en Abanqueiro, Cespón e Bealo, cunha hora de marxe en cada sitio, e continuaron pola parte a partir das 16.00h por Macenda, Cures, Escarabote, Cabo de Cruz e finalizando en Boiro.
Na Pobra
Na Pobra, a deste venres será unha intensa xornada que arrancará ás 10.30 horas co desfile das súas maxestades os Reis do Oriente en vehículos descubertos, coa saída dende A Ribeiriña, para chegar a tódolos lugares e parroquias. O itinerario poderase seguir en directo a través do Facebook do Concello da Pobra do Caramiñal e, a posteriori, colgarase tamén na canle do Youtube para que queda gardado para o recordo.
Logo de chegaren ao núcleo urbano, collerán folgos para, xa pola tarde, desfrutaren da tradicional cabalgata, que partirá ás 17.30 horas do polideportivo municipal de Venecia. Pero, antes, desprazaranse até a Residencia de Maiores e o Centro de Día para saudar as persoas usuarias.
O percorrido decorrerá a carón do paseo dos Areos, para parar no portal de Belén, na praza Alcalde Segundo Durán, con ocasión da ofrenda, e continuar pola rotonda da Covecha cara ás rúas Díaz de Rábago, da Paz e Gasset ata a Casa do Concello, onde terá lugar a recepción. A comitiva completarase con Sarao Animación, Trécola, Charanga Furruxa e Trópico de Grelos. En caso de chuvia, toda a actividade da tarde desenvolverase no referido pavillón.
Repartiranse, no total, 1.500 quilogramos de caramelos sen glute.
No que respecta ao dispositivo, participarán a Policía Local e maila Protección Civil, ademais de contarse co habitual servizo de ambulancia para actos multitudinarios. O Concello quixo “agradecer a colaboración da Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Caramiñas, que presta algunhas das indumentarias empregadas; de Arrancadeira, que estará presente no portal de Belén; e das máis de corenta persoas voluntarias que botarán unha man durante a estadía de Melchor, Gaspar e Baltasar”.
A maiores, enviáronse unhas 400 cartas a crianzas con idades comprendidas entre os 3 e 9 anos despois de que os Reis Magos lle solicitasen á Administración local contactaren cos nenos e nenas por vía postal.
En Porto do Son
A axenda dos Reis Magos este venres 5 de xaneiro será unha axenda completiña. Incluirá, por exemplo, un bus máxico co que As Súas Maxestades visitarán as parroquias sonenses dende primeira hora da mañá. O periplo comezará en Miñortos (na igrexa) ás 10.00 horas e rematará pola tarde, logo da pausa do mediodía, na vila de Porto do Son. A Cabalgata de Reis propiamente dita dará comezo ás 18.15 acompañada pola veciña, as e os integrantes das asociacións de nais e pais dos colexios (anpas) e da ruada O Cascanoces.
Miñortos / Igrexa: 10:00h – 10:20h
Portosín / Praza do Curro: 10:35h – 11:00h
Nebra / Local da Comunidade de Montes: 11:30h – 11:50h
Visita ao Centro de Día de Porto do Son
Noal / Fronte á fonte de Cabanela: 12:10h – 12:30h
Baroña / Bar 85: 12:50h – 13:10h
Queiruga / Casa da Cultura: 13:25h – 13:45h
Caamaño / Casa da Cultura: 15:45h – 16:05h
Xuño / Casa da Cultura : 16:20h – 16:40h
San Pedro / Casa da Cultura: 16:55h – 17:15h
Ás 18.15 horas comezará a Cabalgata de Reis en Porto do Son, acompañada de veciños e veciñas, ANPAs e da ruada O Cascanoces.
O Concello informa que os horarios achegados son aproximados e que se fará un esforzo para lograr que sexan o máis exactos posíbeis.
En Noia
O Concello de Noia prepara un importante recibimento aos Reis Magos este venres 5 de xaneiro, un recibimento que, como cada ano, estenderase ás parroquias do termo municipal (durante a mañá). A Cabalgata, no seu periplo polo concello visitará Roo (ás 10.00), Ponte Nafonso (ás 10.30), Orro (ás 11.00), A Barquiña (11.30), Barro (11.50), Obre (12.30), Boa-Argalo (13.00) e Ponte San Francisco (ás 13.30 horas). As Súas Maxestades tamén teñen previsto visitar o asilo e a residencia.
Pola tarde, a Cabalgata sairá ás 18.00 horas dende o Malecón de San Lázaro ata a Casa do Concello (pasando pola rúa República Arxentina, Carreiriña e a Alameda) onde Os Reis Magos de Oriente recibirán como de costume aos máis cativos.
Segundo informou o Concello, a hora de visita ás parroquias é orientativa.
En Rianxo
A partir das 15.00 horas, a comitiva dos Reis Magos percorrerá as parroquias do termo municipal rianxeiro. O percorrido previsto polas estradas principais será: Isorna, Leiro, Fincheira, Rúa Arcos Moldes, Estrada de Rianxiño, O Pazo, Fachán, Taragoña (volta en Beluso), Araño, Burés, Asados, Rinlo e praza de Castelao (Rianxo).
En Rinlo, arredor das 18.30 horas, unirase á comitiva da Cabalgata un séquito de animación de rúa e musical a pé que acompañará ás carrozas ata a praza de Castelao. Sobre as 19.00 horas As Súas Maxestades realizarán a ofrenda no Belén Vivinte, serán recibidos pola Corporación municipal e atenderán a todas peticións das persoas que se acheguen e repartirán un carameliños.
A partir das 17.30 horas xa pode visitarse o Belén Vivinte así como tamén haberá obradoiros en Rinlo para as crianzas.
No caso de condicións meteorolóxicas adversas a recepción dos Reis Magos trasladarase ao Pavillón Polideportivo José Manuel Abuín “Chema”.
O Concello recomenda que prestemos atención ao sitio web municipal e ás redes sociais polos posíbeis cambios debido ao tempo.
En Outes
O Concello Outes preparou unha gran festa para recibir aos Reis Magos este venres 5 de xaneiro. As actividades comezarán pola mañá, coa recepción das Súas Maxestades de Oriente protagonizada polas nenas e nenos do municipio no Centro Social de Outes, en horario de 11.30 a 13.00 horas e, pola tarde, de 15.30 a 18.00 horas. A partir deste intre, a comitiva real da Cabalgata dos Reis Magos percorrerá as rúas da Serra dende o Centro Social até a praza de Galicia. Ao remate das actividades haberá chocolatada. Organiza o Concello ao abeiro do programa de actividades culturais e de lecer Nadal en Outes.
En Lousame
O Concello de Lousame organiza unha cita dobre cos Reis Magos para a cativada do municipio este venres 5 de xaneiro: recepción na Casa da Cultura pola mañá e festival no polideportivo municipal da Silva pola tarde. Dúas actividades de acceso libre e de balde, se ben no caso do Festival de Reis será preciso reservar entrada a través de www.bandoticket.com.
A primeira cita terá lugar de 10:30 a 14:00 horas na Casa da Cultura de Lousame. A recepción dos Reis Magos seguirá o mesmo procedemento de edicións anteriores: Melchor, Gaspar e Baltasar estarán no escenario do auditorio e escoitarán/recollerán as cartas dos pequenos, aos que entregarán algunhas lambonadas.
Finalmente, de 17:00 a 20:00 horas, a comitiva real desprazarase ata o polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra, onde terá lugar o tradicional Festival de Reis. Unha festa infantil con xogos, inchables, obradoiros… e un chocolate con churros para todas as persoas participantes. Inscricións de balde en www.bandoticket.com.
En Dodro
O Concello de Dodro ten preparada unha gran celebración para recibir aos Reis Magos de Oriente este 5 de xaneiro e para permitir que a rapazada local teña oportunidade de achegarlles ás Súas Maxestades os seus desexos. Os Reis serán recibidos a partir das cinco e media da tarde no Pavillón de Deportes Municipal cunha gran festa “con animación musical, chocolate con churros, inchábeis, xogos e moitas ilusións”, segundo informou o Concello, organizador do evento coa colaboración da Deputación da Coruña.