
A Asociación Amicos fixo balance dos fitos acadados recentemente, no período 2022-2023, polo seu Servizo de Orientación Laboral. Trátase, en palabras da entidade inclusiva do Barbanza, dunha serie de “relevantes fitos na prestación de apoio e asesoramento a persoas en risco de exclusión social e laboral”. Durante este ano 2023, o servizo que a entidade presta en colaboración coa Xunta de Galicia conseguiu achegar recursos e formación a máis de 419 persoas con discapacidade, ao tempo que realizou unha media de 1930 intervencións, un 20% máis que no exercicio anterior.
Así, en base aos bos datos desta anualidade, o departamento de emprego da entidade espera superar o número de insercións acadadas o pasado ano e chegar ás 320.
O principal obxectivo deste equipo é a mellora da empregabilidade e a inserción laboral das persoas en situación de desemprego, para o que combina accións formativas e de asesoramento aos usuarios coa prospección e mediación coas empresas.
Rosa Agrelo, orientadora laboral da asociación, indica neste senso que “debemos adaptarnos as necesidades individuais de cada persoa. É igual de importante empezar un itinerario de emprego novo, como seguir cun xa iniciado”.
Pola súa banda, o tamén orientador de Amicos Pablo Penide recalca que “o papel das empresas é vital na labor que desenvolvemos no programa e na asociación, posto que sen a súa colaboración e a súa sensibilidade co que facemos non sería posible mellorar e aumentar o radio de acción do servizo, como levamos facendo nos últimos anos”.
Segundo se indica no balance anual desta área, neste período 2022 – 2023 no que se engloba a subvención que está a piques de rematar, o equipo dos cinco orientadores da entidade atendeu un total de 419 persoas, das cales 177 foron usuarios con discapacidade intelectual. A maiores, acadáronse un total de 129 insercións laborais en empresas, máis dun 5% máis que no ano anterior, o “que foi posíbel grazas á mediación e á colaboración destas firmas”, segundo se indica no informe.
Luisa Vidal, representante de Nexo Infinity en Barbanza, móstrase “moi contenta coa nosa colaboración con Amicos, xa que sempre aportan candidaturas para as vacantes que lles ofrecemos”.
Dende a asociación, Miguel Beiro, responsábel de Emprego e Empresas de Amicos, tamén quixo agradecer “o apoio que nos brinda a administración, o que fai posíbel a estabilidade e o crecemento do noso Servizo de Orientación Laboral ano tras ano”.



