
A estimación ten en conta as variacións rexistradas na temperatura do aire, a cobertura do xeo e as variables hidrolóxicas a escala mundial. E aínda así, partidos políticos e organizacións cidadáns seguen non só a poñer en dúbida as previsións sobre o cambio climático, senón que negan a existencia deste cambio que se sustenta no día a día en todo o mundo.
O que se evidencia é que, moi probablemente, 2023 será o ano máis caloroso xamais rexistrado, segundo a previsión do Servizo de Cambio Climático de Copernicus, cuxa estimación está baseada nos rexistros tomados ao longo de todo o ano a través do Centro Europeo de Previsións Meteorolóxicas a Prazo Medio en representación da Comisión Europea e que inclúen os datos do pasado mes de novembro.
As variacións rexistradas nas temperaturas do aire en superficie, a cobertura de xeo mariño e as variables hidrolóxicas a escala mundial aportan resultados baseados en análises xeradas no computador e segundo o conxunto de datos do EBAJ que utilizan milleiros de millóns de predicións procedentes de satélites, buques, aeronaves e estacións meteorolóxicas en todo o mundo.
Todas estas aportacións, máis as da temperatura do aire en superficie en novembro de 2023, apuntan que o deste ano foi o novembro máis cálido dende que existen rexistros en todo o mundo, cunha temperatura media do aire en superficie de 14,22 graos centígrados (0,88 graos centígrados por riba da media de 1991-2020 para ese mes).
Amais, o mes pasado foi 1,75 graos centígrados máis cálido que a media estimada para un mes de novembro de 1850-1900, o período de referencia preindustrial. No entanto, a anomalía da temperatura mundial en novembro de 2023 foi igual á de outubro deste mesmo ano.
A temperatura media de superficie do mar durante o mes pasado (entre as coordenadas 60 graos Sur-60 graos Norte) foi a máis alta rexistrada para novembro con 0,25 graos centígrados máis que o segundo novembro máis cálido, o de 2015.
No que vai de ano (xaneiro a novembro) a temperatura media a nivel mundial de 2023 foi a máis alta desde que hai rexistros: 1,46 graos centígrados por riba da media da era preindustrial, e 0,13 graos centígrados superior no período de once meses equivalente de 2016, o ano natural máis cálido rexistrado ata o de agora.
A extensión do xeo mariño da Antártida -segundo recolle unha publicación da Universidade de Vigo- foi a segunda máis baixa para un mes de novembro , un 9% por baixo da media, após acadar niveis mínimos históricos para a época do ano con amplas marxes durante seis meses consecutivos.
Durante o último novembro rexistráronse máis precipitacións que a media na maior parte parte de Europa: a borrasca Ciaran afectou a moitas rexións, entre elas Italia, e provocou fortes asolagamentos causados polas precipitaciòns.


