Este venres 15 de decembro o Consistorio de Noia acolleu a constitución da Mesa Interinstitucional contra a Violencia de Xénero. Estivo composta polo alcalde do Concello, Santiago Freire, a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Villar, a subdelegada do Goberno en A Coruña, María Rivas e representantes da Secretaría Xeral de Igualdade e dos centros educativos e institutos da vila, do Centro de Saúde, da Garda Civil, da Policía Local, dos Servizos Sociais e do Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Noia.
Esta iniciativa busca mellorar a detección precoz dos casos de violencia machista, incrementar a calidade da coordinación por parte de todas as administracións públicas e contribuír así a optimizar a accesibilidade aos recursos e ás prestacións dos servizos de atención ás vítimas, e será coordinada dende o Centro de Información ás Mulleres (CIM).
Con Noia son actualmente 39 os concellos da provincia da Coruña que xa dispoñen de Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero.
Na súa intervención, a subdelegada sinalou que “a colaboración entre as administracións e institucións resulta fundamental para conseguir unha sociedade concienciada e sensibilizada en materia de violencia de xénero e igualdade”. E engadiu: “Que as administracións e as institucións vaiamos da man, sumando esforzos é unha obriga moral. Ningunha poderiamos avanzar en solitario. Debémosllo aos miles de mulleres que sufriron e sofren este tipo de violencia”.
Segundo lembraron, na mesa de coordinación de Noia están representados todos os ámbitos implicados, directa ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero e a protección das vítimas, como o educativo, o social e as Forzas e Corpos de Seguridade.
María Rivas lembrou que na provincia da Coruña existen 2.210 casos activos de violencia de xénero no sistema VioXén (VioGén) que contan con algún tipo de protección por parte das Forzas e Corpos de Seguridade, “2.210 razóns para seguir traballando e para pór á disposición das vítimas e das súas familias, todos os recursos que teñamos ao noso alcance”.
Rivas agradeceu a Santiago Freire, así como aos alcaldes e alcaldesas dos outros 38 concellos da provincia da Coruña que contan cunha Mesa de Coordinación Interinstitucional, a súa implicación: “Con esta constitución damos un paso máis, necesario e transcendental, na loita contra a violencia de xénero” e asegurou que desde o Goberno “non imos parar ata erradicala”.
O labor das mesas de coordinación consiste en ofrecer ferramentas para traballar na prevención, a detección precoz de casos de violencia machista e dar unha resposta áxil ás vítimas, así como para a súa protección.
Nesta primeira sesión de constitución da mesa abordáronse aspectos importantes como os obxectivos para seguir e normas de funcionamento entre outras cuestións. A función prioritaria deste órgano é a coordinación das actuacións nos posibles casos de violencia que se detecten, así como da os servizos e recursos. Ademais, poranse en común as actuacións en materia de prevención.
Finalmente, a subdelegada do goberno quixo aproveitar a ocasión para animar ao Concello de Noia a sumarse ao protocolo VioXén.