Máis de 6 millóns de euros en actuacións nas Illas Atlánticas e en axudas ós concellos da súa área de influencia

14 Decembro 2023

A Xunta destinou este ano máis de 6 millóns de euros a impulsar a execución de actuacións de posta en valor, conservación e mantemento no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e á concesión de axudas destinadas a apoiar economicamente diferentes proxectos a desenvolver na área de influencia socioeconómica deste espazo natural.
Así o expuxo esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, ante os membros do Padroado do parque nacional, reunidos no Edificio Cambón de Vigo para facer balance da actividade desenvolvida no ano 2023 e do resultado da execución dos fondos europeos nos catro arquipélagos.
Neste sentido, Belén do Campo salientou os 1,48 millóns de euros adxudicados a través da orde de axudas para actuacións na área de influencia socioeconómica das Illas Atlánticas, que abrangue os concellos de Ribeira (Sálvora), Vigo (Cíes), Bueu (Ons) e Vilagarcía de Arousa (Cortegada).
Tras lembrar que a convocatoria se publicou con carácter bianual (2022 e 2023) e cunha dotación de 1,66 millóns de euros con cargo aos fondos europeos do NextGenerationUE, a directora salientou as máis de 70 subvencións concedidas —22 a entidades sen ánimo de lucro, 35 a empresas, 15 a solicitantes particulares e 3 a concellos— co fin de intervir e beneficiar a unhas 203 hectáreas.
En todo caso, a Xunta conseguiu autorización do Organismo Autónomo de Parques Nacionais para poder empregar o remanente dispoñible da orde de axudas (177.694 euros) na execución de cara a 2024 dun proxecto en Cortegada destinado á restauración ambiental e ao reforzo de microhábitats para xilófagos (insectos que se alimentan de madeira) ameazados.

Por outra banda e tras a exposición realizada polo director conservador do parque nacional, José Antonio Fernández-Bouzas, dos principais traballos acometidos polo Goberno galego no que vai de ano, Belén do Campo incidiu na importancia de darlle continuidade ás actuacións de eliminación de exóticas invasoras, plantación de árbores frondosas autóctonas, labores de mantemento dos accesos, retirada de lixo mariño, actividades de divulgación e mellora de servizos e instalacións, entre outras.
Máis concretamente, explicou que os traballos fronte especies invasoras e alóctonas incluíron o anelado e eliminación de acacias, rebrotes de robinia e eucaliptos illados en Cíes e en Ons, ao tempo que se preparou o terreo no que se realizaron estas cortas para plantar carballos, castiñeiros ou loureiros.
No eido da optimización e mellora das actuais instalacións do Parque Nacional das Illas Atlánticas, durante a reunión destacáronse os traballos de renovación dos paneis fotovoltaicos de Cíes e as melloras acometidas no centro de visitantes de Ons, coa creación, en particular, dunha nova sala de arqueoloxía.
Ademais, tamén se expuxeron as melloras iniciadas ou encomendadas a medios propios en materia de saneamento e abastecemento de augas. En concreto, mencionou a limpeza de pozos e fontes, as melloras acometidas en depósitos para a reserva de auga ou a instalación de novas fosas sépticas.
Así mesmo e co fin de seguir reforzando o uso e aproveitamento público dos catro arquipélagos en equilibrio coa súa imprescindible conservación, Belén do Campo referiuse tamén á instalación de paneis divulgativos sinalizando as principais zonas de actuación ou ás charlas grupais, visitas guiadas e actividades dirixidas desenvolvidas nos centros de recepción de visitantes e nas propias illas.
Por último, a directora xeral de Patrimonio Natural lembrou que a meirande parte das actuacións impulsadas no parque nacional este ano con financiamento europeo terán continuidade o vindeiro ano e nalgún caso, ata 2026. Nesta mesma liña e unha vez rematado xa o prazo para xustificar as actuacións subvencionadas con cargo á orde de axudas 2022-2023, avanzou que os fondos remanentes (uns 200.000 euros) se investirán en actuacións directas no parque nacional a través de proxectos pendentes de definir.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Manuel ¿para qué sirve la música?”. Manuel Dominguez III

“Manuel ¿para qué sirve la música?”. Manuel Dominguez III

Manuel ¿para qué sirve la música? ¿Te podrías imaginar un mundo, la vida sin música, podrías vivir en ese mundo? Te imaginas ir al campo, y que faltase ese cantar del Mirlo o del Jilguero, que el silencioso fuese, tal silencio que hasta faltase el ulular del viento....

“Pensando nun futuro mellor”. Luís Celeiro

“Pensando nun futuro mellor”. Luís Celeiro

“O mellor está por chegar” é unha expresión que se lle atribúe a aquel recoñecido poeta inglés,Robert Browning (1812-1889), que tantas veces reflexionou sobre o sentido da vida, o paso dotempo e a vellez das persoas e das cousas. Sobre a esperanza no futuro, que vén...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.