FIN DE ANO 31 DE DECEMBRO
Tras o paso da fronte na noite do sábado ó domingo, durante a xornada de Fin de Ano teremos ceos nubrados, con chuvascos nas primeiras horas, que nas zonas de montaña por riba dos 1200 metros poderían ser en forma de neve; a medida que avance a xornada eses chuvascos iranse facendo menos frecuentes ata desaparecer completamente nas últimas horas.
As temperaturas mínimas non experimentarán cambios significativos, mentres que as máximas descenderán lixeiramente. Os ventos soprarán de compoñente oeste, frouxos no interior, moderados na costa, con intervalos fortes no extremo norte nas primeiras horas do día.

ANINOVO 1 DE XANEIRO
Galicia atoparase nesta primeira xornada do ano no límite da influencia dunha borrasca bastante activa localizada no Atlántico norte. Isto deixará os ceos moi nubrados, pero escasas precipitacións, máis probables nas provincias de Pontevedra e A Coruña ao final da xornada. As temperaturas continuarán marcando valores suaves para esta época do ano. Os ventos soprarán fortes do suroeste en xeral.

O noso mar: Vento do noroeste á mañá, do noroeste á tarde e do sudoeste á noite, forza 4 a 5 á mañá, 2 a 3 á tarde e 2 a 4 á noite. Forte marusía á mañá e mar ovellado á tarde e á noite. Visibilidade regular á mañá e boa á tarde e á noite. Mar de fondo do noroeste, con ondas de 4 a 5 metros.



