
Este mércores 6 de decembro celébrase finalmente a XXXVI edición do Trofeo de Ciclocrós Concello de Boiro. Será a partir das 9.30 horas en praia Xardín, organizado polo Club Ciclista Barbanza co apoio do Concello boirense.
Esta proba deportiva está preparada para as categorías Cadetes, Xuvenís, Elite, Sub 23, Master 30-40-50-60, todas elas en categorías masculina e feminina. “É moi satisfactorio ver como esta proba, que abarca unha gran cantidade de deportistas, se mantén no tempo”, afirmou Ricardo Riveiro, presidente do Club Ciclista Barbanza, na presentación do evento.
O circuíto, duns 3.000 metros, estará montado nas inmediacións do Río Coroño, collendo o piñeiral, un anaco da praia de Barraña e tamén parte da estrada.
“Tratase do circuíto máis lonxevo de todo Galicia e que se mantén no tempo”, engadiu na presentación o técnico de ciclocrós da Federación Galega de Ciclismo, Berto del Rio, anunciando que se trata da décima proba puntuábel da Copa Galicia e que é de carácter nacional.
Está previsto que participen arredor de 400 participantes, principalmente de Galicia pero tamén de outras partes de España. “Esta proba é unha mostra da constancia no traballo e do alto nivel organizativo que caracteriza ao Club Ciclista Barbanza”, afirmou a concelleira de Deportes, Dores Torrado.