Boiro e o Barbanza únense pola inclusión no Festiritititi máis concorrido

01 Decembro 2023

A sexta edición do Festiritititi, a gran festa inclusiva da asociación da nosa comarca Amicos, reuniu en Boiro, na mañá deste venres 1 de decembro, a máis de 1000 escolares e profesores dun total de 15 centros de educación da bisbarra para celebrar o Día das Persoas con Discapacidade. Foi unha celebración ateigada de xogos inclusivos, animación, obradoiros e moita música. Novamente contouse co apoio da conserveira local JEALSA.

Participaron, entre outras e outros representantes das nosas institucións, asociacións e empresas, a presidenta de Amicos, Esther Vidal, a directora xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta, Begoña Abeijón, a deputada de Servizos Sociais, Educación e Mocidade, Mar Gacía, o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, ou a directora de Relacións Institucionais de JEALSA, Margarita Hermo.

Segundo informou Amicos, a sexta edición do certame integrador da asociación con sedes en Boiro e Ribeira acadou finalmente o seu récord de participación nos seus seis anos de historia. A xornada comezou sobre as 11.00 horas coa chegada ao Pavillón de Barraña, en Boiro, dos alumnos e profesores dos 15 centros educativos que acompañaron aos beneficiarios e ao equipo de Amicos nesta celebración. Así, acudiron alumnas e alumnos de centros de Boiro, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Lousame, Padrón e Dodro.

Os usuarios Mariana e Manuel Prado foron os encargados de dar a benvida aos nenos e nenas, nunha presentación na que estiveron acompañados por Pilar Sampedro, responsábel de centros. A continuación, comezou unha festa que contou con moitas actividades lúdicas dirixidas ao xogo inclusivo como o pano, poñerlle o rabo ao burro, tres en raia, rompetestas… Así como obradoiros de maquillaxe, creación de chaveiros, creación de figuras con globos… e espectáculos.

Asemade, a festa contou cun dragón mariño de dúas cabezas, actividades de animación para recibir e despedir á rapazada e, tamén, a actuación de DJ Matrek, que foi o encargado de poñer música ao evento.

Tampouco se perderon esta festa que busca celebrar a diversidade e promover a integración das persoas con discapacidade Inmaculada Fernández, subdirectora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, e máis Raúl R. Treus, concelleiro de Servizos Sociais de Boiro, ademais de representantes dos Concellos de Ribeira, A Pobra, Rianxo e Lousame, así como de asociacións como Cruz Vermella e partidos políticos locais.

Esther Vidal, presidenta de Amicos, quixo destacar que “hoxe é un día moi importante para Amicos, posto que celebramos o Día da Discapacidade. Levamos seis anos co Festiritititi e hoxe emocioneime ao entrar pola porta porque vemos que cada vez somos máis persoas. Hoxe fomos máis de 1000 persoas, entre persoas con discapacidade e cativos, e é moi importante que os pequenos vexan que as persoas con discapacidade poden integrarse e ser felices, mediante unha integración real, que é o que se ve aquí”. Tamén tivo unhas palabras de agradecemento para “as persoas, empresas, institucións, voluntarios e todos os que fixeron posíbel que o Festiritititi sexa un éxito”.

Pola súa banda, Begoña Abeijón quixo agradecer a Amicos o convite ao seu primeiro Festiritititi así como “por todo o que fai a asociación polas persoas con discapacidade e as súas familias no Barbanza, e por organizar iniciativas deste tipo. Esta é a sexta edición e para a Xunta de Galicia sempre é un pracer participar neste tipo de actos tan entrañábeis, que organiza Amicos. Os nenos pasaron aquí unha mañá divertidísima chea de actividades, música e alegría, e diso é do que se trata, de que con actos coma este dar visibilidade ás persoas con discapacidade”.

Pola súa banda, José Ramón Romero, alcalde de Boiro, afirmou que “o Concello está encantadísimo con este tipo de acontecementos nos que se pon o foco na integración, e que mellor maneira que inculcárllelo aos escolares dende idades temperás”. Para o rexedor o Festiritititi “é unha festa moi bonita, na que participou todo o mundo, e para Boiro este tipo de actos, vindo dunha entidade como Amicos, que para nós é unha das entidades sociais máis importantes de Galicia e quizais xa tamén de España, é un orgullo”.

Outra das asistentes foi Margarita Hermo, directora de Relacións Institucionais de JEALSA, que quixo destacar que “nestEs seis anos foi moita a evolución que tivo o festival, e dá gusto ver como se traballa a integración desde os colexios, como Amicos conseguiu achegar á comunidade educativa o importante que é construír unha sociedade máis inclusiva”. Tamén dixo que “hoxe foi un día de festa, na que os nenos puideron divertirse ao tempo que traballaban algo tan importante como é a inclusión. Un traballo que non debe quedar só nos colexios, posto que é fundamental que os pais axudemos a que os nosos fillos aprendan que esta sociedade construímola entre todos, e que cun pouquiño que aportemos construiremos unha sociedade mellor para vivir todo o mundo”.

Unha visión, dixo, “que Amicos comparte con JEALSA, que dende o seu programa RSC We Sea comprometeuse a traballar coas persoas, posto que son o centro do noso universo, e construír unha sociedade máis próspera e mellor para todas e todos”. E engadiu Hermo: “As persoas con capacidades diferentes axudan a construír esa sociedade máis inclusiva, e esa sociedade mellor para todos”.

Esta sexta edición do Festiritititi contou coa colaboración de Gadis, Viaqua, Moonoff, Pan do

Mar, Grupo Nosa, Fesba, Serdeco e Boiresa.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Emerxencia social” – José Manuel Pena

“Emerxencia social” – José Manuel Pena

Segundo o último informe do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) e os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), entre os meses de abril e xuño do ano en curso, executáronse 5.874 desafiuzamentos por falta de pagamentos de alugueiro e uns 469 por execucións...

“El Teatro y los días”. Alberto Barciela

“El Teatro y los días”. Alberto Barciela

El teatro es espejo de la vida o de las costumbres, se aventura como oráculo, o arriesga incluso en vanguardias imprevisibles, en inverosímiles utopías, o no, con sencillez opta por  disimular angustias entre humoradas; por algo más de una hora actúa cual eficaz...