
O Concello de Boiro destina 224.450 euros a entidades deportivas do municipio para a promoción do deporte. O alcalde, José Ramón Romero, asinou este martes 12 de decembro os primeiros convenios con entidades deportivas, que se seguirán asinando nas vindeiras semanas.
Preto de 30 clubs e entidades deportivas obteñen unha subvención nominativa que ten como obxecto sufragar os gastos xerais do club en canto a arbitraxes, material deportivo ou equipamentos, así como a celebración de probas deportivas ou a participación nas mesmas.
“A promoción do deporte, especialmente do deporte base, é unha das prioridades deste Concello por iso cada ano seguimos apostando polas axudas directas a clubs para que desenvolvan a súa actividade”, afirmou o rexedor, engadindo que “Boiro conta cun importante tecido asociativo no eido deportivo e con clubs en numerosas modalidades”. Tamén explicou que Boiro aumentou nun 30% nos últimos anos a cantidade que destina aos entes deportivos para gasto corrente e participación en probas deportivas, así como a organización de eventos deportivos no municipio como é o caso da Liga ACT, a Travesía a Nado Illa da Bensa ou o Campionato Galego de Barco Dragón.



