
Foramos ao circo, ver ao famoso Ángel Cristo, e os seus leóns.
Encantoume, encantounos a actuación do pallaso Sandi, orixinal, humana, fantástica, tal é así que ao finalizar fomos saudalo, darlle as grazas por aquel breve pero intenso momento.
A nena 7 anos, el pasados os 5, máis menos.
En agradecemento, o pallaso Sandi regalounos a rosa da actuación, rosa que mostro na foto, aquí consérvase, tras 25 anos compartindo tan belo recordo.
Ao día seguinte decidín, tras unha charla infantil, levar esta mañá os nenos ao circo, coa intención de saudar a Ángel Cristo.
Pasaramos o despacho de billetes, camiñabamos cando ás nosas costas escoitamos o son do bater unha porta, acompañado de palabras, que como coitelos afiados rompían o ceo.
Ante esta situación tan angustiosa, como podería eu chamar, enfrontarme a Ángel Cristo?
A unha distancia intermedia entre Ángel e os nenos, con voz forte e seca exclamei “Ángel, Ángel!”
Párase, mírame, achégome e dígolle “Desculpa tes un momento, alí os meus fillos chiquitíns queren saudarte, onte estivemos véndote en primeira fila, tal é así que un león tocoulle ao meu fillo co rabo na cara”.
Silencio. Algunhas palabras, non fan falta.
El achégase a eles, saúdaos e aínda hoxe lembran os seus consellos, obedecer e ser bos coa avoíña, portarse ben, “esta tarde convídovos eu a vir ao circo”, tras un breve dialogo, agradezo as súas palabras e dígolle que a actuación de Sandi foi xenial.
Doulle a man, saúdolle e grazas.
Onte falando deste tema, pensaba, pensei e penso, tras aquela forte portada, tras aquelas palabras que facían chorar o ceo, que valor, que seguridade que psicoloxía tiven para atreverme a paralo e achegarme a el.
Simplemente confiaba que esa mala uva acougase cando vise a eses dous anxos ilusionados con coñecelo.
Era a ilusión dos nenos, así pois, atrevinme a iso e máis pola ilusión de calquera neno.



