Ambar presenta no Teatro Cine Elma o seu Calendario Solidario 2024

11 Decembro 2023

O Teatro Cine Elma da Pobra do Caramiñal acolleu este luns 11 de decembro a presentación do Calendario Solidario realizado pola Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional xunto cao colaboración do fotógrafo Pichero. Trátase da novena edición desta publicación. Para esta nova entrega, a comunidade de Ambar decidiu dar unha viraxe aos resultados das anteriores edicións e “pasar das grandes películas españolas ao mundo das máis recoñecidas series da televisión”.

Durante a presentación interviñeron Pichero, fotógrafo e creador das portadas de Ambar; Amparo Cerecedo, concelleira de Servizos Sociais; Milagros Rey, presidenta da Asociación Ambar e Zeltia Iglesias, coordinadora do proxecto. Entre os presentes estiveron persoas usuarias, amigos, familiares e tamén asistiu o alcalde da Pobra José Carlos Vidal, Isabel Cañas e Irene Souto da empresa alimentaria local CONGALSA.

O acto comezou cun making of que reflectía o proceso de traballo realizando as fotos de todas as series. Logo proxectáronse uns vídeos individualmente para ir desvelando as series que protagonizarán cada mes do 2024. Para o final do acto reservouse unha sorpresa, xa que moitas das

persoas que traballaron como actores e actrices nas series versadas por Ambar, apareceron en vídeo saudando e celebrando o traballo realizado, entre eles José Coronado da serie Entrevías, Federico Pérez, Amaia Salamanca e Alicia Borrachero da serie Tiempos de Guerra; Ángel Jordá, Ingrid Rubio, Javier Losán e Carlos Areces da serie El Pueblo; Sabela Arán da serie Viradeira e tamén Ramón Campos, creador das series Velvet, Fariña, Las Chicas del Cable, El verano que vivimos e Tiempos de Guerra.

“Estamos ilusionados non só por velo senón por ser protagonistas, que é o que sodes, protagonistas de todo isto” comentaba Milagros Rey dirixíndose ás persoas usuarias de Ambar, das cales 74 participaron no Calendario este ano. “Grazas a todas as persoas que nos acompañades hoxe e a todas as empresas que nos apoian e que fan posíbel este proxecto”, apuntou, engadindo que as firmas que colaboran con Ambar son Mobalco, Serdeco, Neumáticos Soto, A Poutada, Coyamar, Rio Blanco, Alvarez Riveira, Eclipse, Pablo Ferreirós Avogado, Electro Vidal, García Sanchez, Shell de Santa Uxía, Fripusa, Mariño Ortopedia, Por Amor al Arte, GrafikBoiro e Pichero Estudio Fotográfico.

“O primeiro que quero é dar as grazas a Ambar por permitirnos facer esta tolemia xa vamos pola novena edición… este ano penso que nos volvemos a superar, nótase en cada presentación que cada vez necesitamos máis cine” afirmou Pichero no seu discurso. “É un proxecto persoal o cal espero que sexa o proxecto persoal máis longo da miña vida”, engadía.

Pola súa banda, a concelleira Amparo Cerecedo deu os parabéns polo traballo realizado “a comunidade de Ambar, ás persoas usuarias, ás profesionais… porque para min este tipo de actividades son fundamentais por dúas vertentes, porque as artes son sanadoras e pola súa importante vertente social e lúdica. Contaredes sempre co apoio do Concello da Pobra do Caramiñal…”.

O Calendario Solidario 2024 de Ambar pode adquirirse no Centro de Recursos da Asociación. Está dispoñíbel para reservar ben sexa polas canles habituais: correo@asociacionambar.org ou chamando ao 981 87 54 75. A versión de parede custa 7€ e a de mesa 3,50€. Tamén pode adquirirse a través da páxina web da entidade.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

Son eu, señor capitán deste navío mercante! Eu son unha muller de mundo, ando polo mundo senrumbo e sen sosego. Estou embarcada neste buque e quero saber para onde imos, cantos e cantassomos, como viviremos o que nos queda de mar e quen seremos ao regresar á terra, se...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.