A Casa da Cultura de Porto do Son vai dar acollida o vindeiro 9 de decembro a unha función teatral e musical para a rapazada: Os tres porquiños, a cargo de Educateatro. Será a partir das 17.00 horas do vindeiro sábado, con entrada libre. Trátase dunha versión musical e en galego do famoso conto, con bonecas de tamaño real.
Quen precise máis información sobre a función pode visitar a web de Educateatro.
Sinopse
Como serían os tres porquiños e o lobo feroz hoxe en día? Onde poderían atopar un lugar seguro e limpo, lonxe das grandes fábricas, no que poder construír as súas casiñas? Que ritmos musicais empregarían para se presentar?
A resposta a todos estes interrogantes, coma todo, está nos libros, e tamén na moderna historia que vai construíndo un explorador afeccionado aos contos que percorre o bosque na procura dos seus personaxes favoritos. Adiviñades cales son?
Información de interese
Público familiar con cativos/as a partir de 2 anos.
Duración: 50 minutos máis fotos cos protagonistas ao remate da función.
Idioma: Galego.