O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada de Política Social, Mar García Vidal, visitaron este venres 22 de decembro o Centro de Día para Persoas con Alzhéimer de AGADEA en Ribeira, onde entregaron un novo vehículo cedido pola institución provincial para o transporte dos seus usuarios. Trátase dunha furgoneta Ford Transit Kombi con 9 prazas.
Con esta, son xa 37 as entidades sociais da provincia que contan con furgonetas cedidas pola Deputación nos últimos catro anos, “atendendo así unha demanda importante deste tipo de entidades sociais, xa que permite o transporte diario dos seus usuarios e usuarias aos centros nos que se realizan diferentes terapias e actividades”, explicou Formoso.
O presidente destacou “o importante labor que desenvolve AGADEA na atención ás persoas con alzhéimer e ás súas familias desde os seus centros de Santiago, Ribeira, Boiro, Rianxo Trazo, Vedra ou Cacheiras, así como a estreita relación que desde hai anos mantén a Deputación coa entidade, financiando parte da súa actividade a través das liñas de subvencións para entidades sociais”.
Mar García lembrou que a concesión do vehículo realizouse en réxime de concorrencia competitiva entre as entidades sociais da provincia que o solicitan, tendo en conta para a puntuación criterios obxectivos coma a antigüidade da entidade, ou o número de usuarios.
Nesta última convocatoria, a Deputación entregou un total de oito vehículos, parte deles adaptados para o transporte de persoas con discapacidade, a outras tantas entidades sociais da provincia.