Ribeira inaugura o Monumento ós represaliad@s polo franquismo

11 Novembro 2023

Ribeira inaugurou no serán deste venres a escultura de Soledad Penalta en homenaxe ás persoas de Ribeira represaliadas polo franquismo. Ducias de persoas acudiron a este acto retrasado desde hai meses por mor das distintas convocatorias electorais e que fora aprobado xa pola anterior corporación municipal a proposta do Psoe.

Descubrimento da placa conmemorativa da inauguración do Monumento C.R.

O evento contou coa presenza de familiares, membros da Memoria Histórica o senador e ex-alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz Rivas; o ex-alcalde, Ventoso Mariño e membros da corporación. Interviron Xose Antonio Pérez Fernández, historiador e membro de Memoria Histórica do Barbanza, María Dolores Sanlés Sieira e Celia García Pillado, familiares de represaliados, Soledad Penalta, escultora e rematou o acto coa intervención do alcalde Luís Pérez Barral do que reproducimos a súa intervención:

C.R.

Boas noites, autoridades, veciñanza, amigos e amigas que nos acompañades hoxe neste acto tan significativo. Reunímonos aquí para lembrar e render homenaxe a aquelas persoas que foron vítimas da represión durante o réxime franquista, un capítulo escuro da nosa historia mais que non debemos nin podemos esquecer.

Hoxe congregámonos en memoria daqueles homes e mulleres que loitaron pola liberdade, a xustiza e a democracia, e que pagaron un alto prezo polos seus ideais. É un deber moral honrar e lembrarmos a quen sufriu persecución, exilio, encarceramento ou mesmo pagou coa súa vida a defensa dos valores democráticos que hoxe desfrutamos.

O franquismo marcou unha época na que os dereitos fundamentais foron vulnerados, a liberdade de expresión sufocada, e a diversidade de pensamento reprimida. Persoas valentes de Ribeira, de Galiza e de todo o Estado español rebeláronse contra esta opresión, e moitos deles deixaron un legado de sacrificio e coraxe, que hoxe lembramos con respecto e gratitude coa inauguración desta magnífica escultura de Soledad Penalta.

A inauguración desta escultura non é o punto final, máis ben o contrario, é un fito nese camiño que debemos andar para lembrar a todos os veciños e veciñas de Ribeira que tiveron que pagar as consecuencias desa época funesta. Hoxe, alén de inaugurarmos este
monumento, anunciamos que se porá un apartado na web municipal coa información de todas e cada unha das veciñas e veciños reprendidos polo fascismo para que se coñeza a verdade, porque cada nome que pronunciamos hoxe ten unha historia detrás, unha vida que se viu afectada pola inxustiza e a intolerancia.

Non podemos esquecer, xa que logo, a aqueles que foron perseguidos e asasinados polos seus ideais políticos, sindicais, culturais ou pola súa identidade de xénero. Quero lembrar agora de maneira especial ás mulleres, mulleres que padeceron moitas e múltiples violencias como as que foron rapadas, padecendo unha humillación pública para castigar e estigmatizar a aquelas que eran percibidas como contrarias ao réxime establecido.

Este acto de violencia, ademais de causar un sufrimento físico, tiña a intención de borrar a identidade e a feminidade destas mulleres, deixando cicatrices que durarían toda a súa vida. As súas loitas, os seus sufrimentos, e a súa valentía ben merecen ser lembrados para que as xeracións actuais e as futuras comprendan a importancia de preservar os valores democráticos de liberdade, respecto e tolerancia.

Ribeira, como tantas outras localidades, foi testemuña da represión franquista e dese feito xorde a vontade desta e doutras Corporacións Municipais para erguer este monumento.
Facer esta inauguración hoxe tampouco é casual, hoxe é unha data simbólica para o noso municipio, xa que hai 87 anos os falanxistas fusilaban a Manuel Lustres Rivas, recoñecido fillo predilecto de Ribeira, homenaxeado tamén cunha rúa e cun centro cultural co seu nome.

Esta homenaxe non só é un acto de memoria, senón tamén un compromiso claro e inequívoco coa xustiza e a verdade histórica. Debemos esforzarnos por preservar e difundir a memoria histórica, para que as xeracións futuras aprendan das leccións do pasado e fortalezan os cimentos da democracia que hoxe gozamos, para que nunca volvan aqueles tempos. Debémosllo ás persoas que foron detidas na escuridade da noite, a todas as que sufriron a perda dos seus traballos, ás familias que foron separadas pola forza e a todos que foron forzados ao exilio en busca dun refuxio seguro.

Rendemos homenaxe ás persoas que se negaron a ser silenciadas, a quen resistiu con dignidade e a quen, a pesar das adversidades, nunca perderon a esperanza nun futuro mellor, porque como ben dicía Castelao: “Non enterraban cadáveres, enterraban semente de vencer”. Hoxe, máis que nunca, debemos dicir que a memoria histórica é un dereito de toda sociedade democrática e un piar fundamental para construír un futuro máis xusto e solidario.

Neste acto de homenaxe, renovamos o noso compromiso coa defensa dos dereitos humanos, a liberdade e a xustiza. Que a memoria daqueles que sufriron a represión franquista inspire o noso compromiso cos valores democráticos e lémbrenos a importancia de traballar todos xuntos e xuntas para construír un mundo máis xusto, libre e igualitario.
Pola súa memoria, hoxe e sempre. Moitas grazas.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Fiscal y la corrupción”. José Castro López

“El Fiscal y la corrupción”. José Castro López

José Castro LópezLa semana pasada “enriquecí” mi carpeta de noticias raras y curiosas incorporando unanueva que, si me la cuentan y no la veo publicada en medios serios, no la hubieracreído: “El Fiscal General del Estado y el ministro presidente de la Comisión Federal...